O BNG denuncia un recorte do 65% no programa de inserción laboral Vigo Emprega
A fronte nacionalista lamenta que o Goberno municipal destine só 92 mil euros a este programa laboral, dos 1,2 millóns previstos no orzamento deste ano, nun contexto de emerxencia laboral na cidade con preto de 20 mil persoas desempregadas
Xabier P. Igrexas: «É unha evidencia máis da nefasta xestión e do absoluto desleixo do Goberno municipal de Vigo en relación ás políticas de promoción do emprego»
O Bloque Nacionalista Galego denuncia un recorte do 65% das contratacións no programa de inserción laboral Vigo Emprega 2022-2023. A fronte nacionalista critica que o Goberno municipal destine só 92 mil euros a este programa laboral dos 1,2 millóns previstos no orzamento deste ano cando a cidade atravesa un contexto de emerxencia laboral con preto de 20 mil persoas desempregadas.
«O BNG temos que volver lamentar a falla dun compromiso real do goberno de Abel Caballero coas políticas de emprego», asegurou o concelleiro do BNG e candidato á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, en relación a este programa municipal de formación dirixido á inserción laboral de persoas con dificultades para acceder a un emprego.
Igrexas afeou que se prevexan apenas 75 contratacións para o período 2022-2023 cando na edición de 2016 se crearan até 220 postos de traballo. Ademais, cuestionou que vaian ter unha duración de só seis meses, imposibilitando que as persoas contratadas poidan ser beneficiarias dunha prestación por desemprego ao remate do programa.
«É unha evidencia máis da nefasta xestión e do absoluto desleixo do Goberno municipal de Vigo en relación ás políticas de promoción do emprego», remachou o edil nacionalista.
Criticou tamén o atraso «inxustificado» na convocatoria do programa, que se produce a mediados de outubro cando en anteriores edicións estaba aberta a comezos de xuño
O candidato do BNG urxiu un xiro radical nas políticas de emprego do Goberno local diante do grave contexto laboral que padece a cidade, con 8 mil postos de traballo menos dos que existían no ano 2009 e con millares de mozas e mozos obrigados a marchar de Vigo por falla de oportunidades laborais.