O BNG reprocha as continuas promesas incumpridas do Goberno municipal coa Biblioteca do Estado en Vigo
_A fronte nacionalista lembra que o alcalde leva 15 anos anunciando esta infraestrutura, con até nove localizacións distintas, sen que exista a día de hoxe ningún avance
_Formula unha emenda á moción do PSOE, que pedía o apoio da Xunta para a biblioteca, para instar ao goberno do Estado a aprovisionar unha partida real para a súa construción
Xabier P. Igrexas: «Vai camiño de ser a biblioteca do conto da leiteira pola falla de vontade dos sucesivos Gobernos españois e dunha evidente falla de xestión municipal»
O Bloque Nacionalista Galego reprocha as continuas promesas incumpridas do Goberno municipal de Vigo en relación á Biblioteca do Estado. A fronte nacionalista lembra que o alcalde, Abel Caballero, leva 15 anos anunciando esta infraestrutura, para que a propuxo até nove localizacións distintas, sen que exista a día de hoxe ningún avance para a súa construción.
«Vai camiño de ser a biblioteca do conto da leiteira, que é resultado da falla de vontade dos sucesivos Gobernos españois de PSOE e PP e tamén dunha evidente falla de xestión municipal», censurou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante o debate no Pleno municipal deste mércores arredor dunha moción do grupo municipal socialista que reclamaba o apoio explícito da Xunta para a biblioteca.
Igrexas formulou unha emenda para incorporar na moción un compromiso do Goberno estatal para aprovisionar unha partida real para poñer en marcha a dotación. «Non eses 50 mil euros ridículos que unicamente serviron para que Abel Caballero se fixera unha foto co ministro», afeou o edil nacionalista.
O concelleiro do BNG enumerou a cronoloxía das promesas incumpridas do alcalde, que en agosto de 2007 afirmaba que a planificación ía «a velocidade de cruceiro» nos terreos do Cluny. A partir dese momento, sucedéronse continuos anuncios de ubicacións: na praza do Concello (novembro 2007), na Escola Municipal de Artes e Oficios (abril 2009), no Auditorio Mar de Vigo (agosto 2009), en Navia (abril 2010), na Panificadora (outubro 2010), nos actuais xulgados (2016), de novo a Panificadora (2017) para finalmente en 2018 proxectala nos terreos expropiados nas inmediacións da rúa Lalín.
«O goberno de Abel Caballero non cre nas bibliotecas»
Igrexas apuntou que a falla de xestión municipal responde ao desleixo do Goberno municipal en materia de bibliotecas. Lembrou que a primeira e última biblioteca municipal posta en marcha no ano 2011, a Neira Vilas, foi resultado da acción de goberno do propio BNG, como primeiro paso para crear unha rede municipal de bibliotecas que ofrecera este servizo en todos os barrios e parroquias da cidade.
«O goberno de Abel Caballero non cre nas bibliotecas», sentenciou o edil nacionalista, que lamentou que os únicos investimentos foran para abrir tres salas de lectura «onde non hai nada que ler, espazos diáfanos con mesas e cadeiras onde por non haber non temos nin exemplares desas fantásticas novelas do escritor Abel Caballero», ironizou.