O BNG de Vigo emenda as ordenanzas fiscais de Caballero para reducir os impostos aos fogares con menos ingresos

Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG de Vigo

A fronte nacionalista formula 43 emendas á «insuficiente» revisión presentada polo Goberno local para avanzar cara unha fiscalidade municipal «máis xusta» no actual contexto de agravamento da crise

Exencións e bonificacións das principais taxas municipais, un plan de pago para fraccionar o abono e maior presión fiscal para grandes empresas, bancos e casas de apostas, entre as medidas propostas polo Bloque

Xabier P. Igrexas: «O mesmo Abel Caballero que se apunta ao Ayusismo fiscal di que non a todas estas medidas que buscan aliviar a situación límite de moitos fogares»

O BNG de Vigo emenda as ordenanzas fiscais de Caballero para reducir os impostos aos fogares con menos ingresos

O Bloque Nacionalista Galego vén de formular 43 emendas parciais á revisión das ordenanzas fiscais en Vigo co obxectivo de reducir a carga impositiva aos fogares con menos ingresos. A fronte nacionalista cualifica de «insuficiente» a proposta do goberno de Abel Caballero no actual contexto de agravamento da crise e urxe avanzar cara unha fiscalidade municipal «socialmente máis xusta» que permita paliar o impacto da inflación sobre a economía das familias traballadoras e o tecido comercial da cidade.

«Non abonda cunha conxelación xeral cando as rendas máis baixas viron duramente reducido o seu poder adquisitivo», afirmou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que tachou de «medida máis cosmética que efectiva» esta revisión presentada polo Goberno local. Por contra, o edil nacionalista defendeu a necesidade de reducir a fiscalidade, os impostos e taxas municipais «a quen menos ten para aliviar inda que for parcialmente a situación límite que atravesan moitos fogares da cidade».

Igrexas subliñou que as 43 emendas rexistradas polo BNG son «perfectamente factíbeis» para o Concello de Vigo, que conta hoxe con 135 millóns de euros en remanentes líquidos e que vai deixar sen gastar unha parte moi significativo dos 382 millóns de euros do orzamento deste ano. Porén, lamentou que o goberno de Caballero rexeitara todas as propostas das nacionalistas na Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda.

«Abel Caballero quere regalar centos de euros ás familias máis adiñeiradas da cidade, pero négase a facer gratuíta taxa do lixo, da auga, o imposto de rodamento ou o billete do autobús ás persoas de menores ingresos e que fican baixo o risco real de pobreza», recriminou o concelleiro do Bloque.

«O mesmo Goberno municipal que se apunta agora ao Ayusismo fiscal, sacando da manga, con claro oportunismo a poucos meses dunhas eleccións municipais, unha axuda xeral para os libros de texto», afeou.

Bonificacións e exencións

Entre as emendas formuladas polo BNG, Igrexas destacou unha ampla batería de bonificacións e exencións fiscais destinadas ás persoas e familias con menos recursos. Así, desde a fronte nacionalista piden unha exención da taxa de lixo, da tarifa da auga e do imposto de rodeamento para perceptoras de axudas sociais, como a Risga, a PNC ou o IMV. Para aqueles fogares con ingresos inferiores a un terzo do salario mínimo, propoñen a exención nas escolas municipais de música, artes escénicas e nas instalacións deportivas, e unha bonificación do 50% a quen ingresa menos da metade.

Plan de pago personalizado

Co obxectivo de facilitar o pago das taxas e impostos, desde o BNG demandan habilitar un plan de pago personalizado, que permita fraccionalos en até 12 mensualidades ou aprazalos até o primeiro semestre do ano 2024, sen aplicar ningún tipo de xuro ou penalización.

Imposto de Bens Inmóbeis (IBI)

Co obxectivo de mobilizar vivendas para facilitar o acceso na cidade, a fronte nacionalista ve necesaria a bonificación do IBI para aquelas vivendas que se poñan a disposición de programas de vivenda social ou soares para uso público, como aparcadoiros. Unha bonificación que tamén reclaman para a Universidade de Vigo e para os inmóbeis de entidades sen ánimo de lucro. Por outro lado, chaman a recargar un 150% as vivendas desocupadas de forma permanente, unhas 18.500 en Vigo, na maioría en mans de entidades financeiras. Para os fogares vítimas de desafiuzamento ou dación en pago piden a exención deste imposto.

Recargos a grandes empresas e casas de apostas

Para financiar as exencións e as bonificacións aos fogares de menos recursos, o BNG chama a incrementar a presión fiscal sobre as grandes empresas e as casas de apostas. Así, reclaman unha actualización do 20% do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE), que afecta a sociedades cunha cifra de negocio superior ao millón de euros. No caso das casas de apostas e similares, urxen un recargo do 95% deste imposto como parte da ofensiva nacionalista contra esta «lacra» que afecta aos nosos barrios e parroquias. Sobre as entidades financeiras, chaman a aumentar nun 100% as taxas por aproveitamento da vía pública dos caixeiros automáticos adosados a edificios.

Lixo, auga e transporte

Como medidas para apoiar ao pequeno e mediano comercio de Vigo, «o único das cidades galegas que non recibiu nin un só euro público en axudas durante a pandemia e a crise actual», Igrexas propuxo un desconto do 50% das taxas de lixo e auga destinado a aqueles negocios de menos de 500 metros.

En relación á auga, reiterou a reclamación do BNG para revisar o actual modelo de xestión e volveu criticar o «calote que só beneficia a Aqualia» imposto polo goberno de Abel Caballero co novo sistema tarifario. Demandou tamén bonificar nun 25% do recibo aos consumos por baixo dos tres metros cúbico por persoa e mes.

 

Sobre as futuras tarifas de autobús urbano para o próximo ano, a fronte nacionalista aposta por conxelar o prezo do billete ordinario e dos bonos actuais, porén pediu reducir o bono estudante e social para equiparalo coa tarifa universitaria e reiterou a proposta de crear un novo bono social para facelo gratuíto ás persoas desempregadas de longa duración ou perceptoras de axudas sociais.
O BNG de Vigo emenda as ordenanzas fiscais de Caballero para reducir os impostos aos fogares con menos ingresos