O BNG propón que o goberno local artelle un sistema para crianzas similar ao xantar na casa

O BNG propón que o goberno local artelle un sistema para crianzas similar ao xantar na casa

Iolanda Veloso subliña que pode xestionarse desde o Concello posto que os servizos sociais tramitan as bolsas de comedores escolares

Vigo, 9 de xuño de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, instou a que o Concello de Vigo e a Xunta deixen de tirarse a pelota dun a outro mentres hai nenos e nenas na cidade que teñen dificultades. “Gustaríanos que desde o goberno local se estudase a posibilidade de que desde os servizos sociais se facilitase que os nenos e nenas puidesen comer na súa casa de xeito similar ao programa xantar na casa”, explicou.

Segundo considerou Iolanda Veloso “non sería moi complicado artellar este sistema porque desde os servizos sociais tramítanse as bolsas dos comedores escolares”. A voceira nacionalista indicou que, polo tanto, os propios servizos sociais contan xa cos datos das familias e “sería cuestión de que nais e pais solicitasen o servizo”.

“O servizo de comida na casa podería tramitarse perfectamente desde o concello”, subliñou Iolanda Veloso, quen sinalou ademais que a cantidade de demandantes sería “perfectamente asumible” posto que con toda probabilidade o servizo non sería solicitado por todos os nenos e nenas que teñen bolsa de comedor e que o espazo de tempo só se refire a dous meses.

Comedores escolares

A respecto da proposta de abrir un comedor escolar no período non lectivo, a voceira do nacionalista salientou que ao BNG non lle parece a mellor solución, posto que obrigaría aos nenos e nenas a acudir a un centro que probablemente non é o seu. Ademais indicou que hai que ter en conta que os comedores son xestionados maioritariamente polas anpas, “que fan o seu traballo voluntariamente ao longo do curso”, apuntou.

Neste sentido criticou a actitude do alcalde, que di que a apertura dun comedor é competencia da Xunta, e da Xunta, que nega que existan nenos e nenas en Vigo con necesidades. Lembrou ademais que o ano pasado o Bloque presionou ao goberno para que puxese en marcha as axudas do plan social contra a crise “porque entendiamos que era necesario garantir que os nenos poidan comer nas súas casas”.

Iolanda Veloso salientou que esas axudas eran unha ferramenta axeitada para cubrir esas necesidades das familias no período non lectivo pero posto que o goberno local abriu a convocatoria en xullo, non chegaron até finais de ano. “As administración teñen que asumir as súas responsabilidades e ofrecer un servizo para que nos nenos e nenas poidan xantar na súa casa”, recalcou.

 

O BNG propón que o goberno local artelle un sistema para crianzas similar ao xantar na casa