O Bloque esixe a anulación da adxudicación dun acelerador oncolóxico á unha multinacional
Montse Prado e Manuel Moreira defenden que si é posible ter unha sanidade pública de calidade para toda a cidadanía
Manuel Caride convida á cidadanía a participar na mobilización do vindeiro sábado contra a política sanitaria do PP
Vigo, 17 de xuño de 2014.- A deputada do BNG, Montse Prado, e o responsable da comisión de sanidade do Bloque, Manuel Moreira, subliñaron que si é posible ter outra sanidade diferente á que pretende o PP e que sexa unha sanidade pública de calidade para toda a cidadanía. Así o subliñaron na presentación de diferentes propostas rexistradas no Parlamento galego sobre a situación da área sanitaria de Vigo, en particular do servizo de radioloxía oncolóxica do Chuvi e a adxudicación dun acelerador por parte de Galaria.
Trátase de diversas iniciativas dentro do traballo intenso que fai o BNG pola sanidade pública fronte ás decisións do PP que fomentan o seu deterioro progresivo, subliñou a deputada nacionalista, quen considerou que o Partido Popular desenvolve unha estratexia para deteriorar a sanidade pública para que a cidadanía acuda á privada.
Precisamente o Bloque rexistrou no Paralmento galego unha proposición non de lei na que se reclama a anulación do contrato sen publicidade polo cal Galaria adxudicou á multinacional Elekta Medical SA un acelerador para o servizo de oncoloxía radioterápica a instalar no Meixoeiro, para substituír a un dos catro aceleradores cos que contaba o Chuvi.
Debido ao recurso interposto pola empresa Varian, o BNG tamén presenta unha interpelación preguntando cales son as razóns alegadas. Ademais, o Bloque pregunta polas previsións do Sergas para facer fronte á demanda deste servizo de oncoloxía e cal é o número de doentes que se están derivando a outros centros hospitalarios para recibir o seu tratamento.
Consecuencias nos pacientes
Queremos saber como está afectando esta situación á poboación que precisa estes tratamentos e queremos que a consellería dea respostas, pero non ao BNG, senón á cidadanía, subliñou Montse Prado, quen lembrou que uns dos aceleradores lineais cos que contaba o Meixoeiro foi preciso retiralo hai un ano, despois de múltiples avarías, e o outro que existe tamén está fóra de actividade case de xeito continuo.
A deputada do Bloque denunciou que debido a esta situación, moitos pacientes tiveron que recibir o seu tratamento de madrugada noutros centros, como o hospital Clínico de Santiago, ou en centros privados, como Povisa. Isto supón o beneficio para un centro privado pola mala xestión da xunta, criticou.
Desde o BNG pedimos que se reintegre o servizo que presta Galaria na sanidade pública e que se paralice o proceso privatizador da alta tecnoloxía, manifestou a deputada nacionalista. Neste sentido Manuel Moreira considerou que a desaparición de Galaria é un aspecto fundamental para contar cunha sanidade pública de calidade.
Denunciou que son os usuarios e usuarias os que sofren a desorganización que existe na área sanitaria de Vigo. Segundo manifestou, o paso do hospital xeral ao novo hospital ten que ser aproveitado para dar paso a unha nova organización da área sanitaria.
En protesta ao peche de camas hospitalarias, que leva consigo os recortes de persoal e o alongamento das listas de agarda, o responsable comarcal Manuel Caride fixo un chamamento a secundar a mobilización que terá lugar o vindeiro sábado, 21 de xuño, ás 12 horas diante do museo Marco.