O BNG reclama a Abel Caballero que “garde a motoserra” despois dun novo “arboricidio” en Vigo
O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, reitera a necesidade dun Plan de Protección do Arboredo Urbano e a actualización da Ordenanza de Medio Ambiente, do ano 1994
O Bloque Nacionalista Galego reclama o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que “garde a motoserra” despois dun novo “arboricidio” en varias zonas de Vigo. Así o denunciou este martes o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, despois da talla “inxustificada” de varios exemplares de gran porte na rúa Manuel Olivié, nas proximidades do monte do Castro, e na contorna de Fátima.
“Estas actuacións engádense ás podas brutais e ás tallas que se están producir de maneira permanente en diferentes puntos da cidade”, alertou Igrexas, quen vén de reclamar explicacións ao Goberno municipal por estes casos así como os informes técnicos que motiven a retirada destes exemplares.
O voceiro do BNG insistiu na necesidade de poñer fin a estas prácticas para empezar a protexer e valorizar o arboredo como elemento fundamental do ecosistema urbano.
“As árbores son moito máis que postes verdes, xogan un papel absolutamente chave na cidade para a mellora da calidade de vida”, reivindicou Igrexas
Así, dende a fronte nacionalista volveron demandar a posta en marcha dun Plan de Protección do Arboredo Urbano, así como a “necesaria” actualización da Ordenanza de Medio Ambiente, do ano 1994. “Unha ordenanza que o Goberno municipal insiste en incumprir de maneira continuada e deliberada”, lamentou Igrexas.
“O BNG o que lle temos que trasladar Abel Caballero é unha mensaxe rotunda, que sabemos é compartida por unha amplísima maioría das viguesas e dos vigueses: que poña freo a este arboricidio permanente, que garde dunha vez por todas a motoserra e que protexa as árbores ás que temos dereito as viguesas e os vigueses”, remachou.