O BNG reivindica un 8M de avances pola igualdade fronte aos retrocesos que impón a dereita: “Para todas, todo”

A fronte nacionalista presenta en Vigo a súa campaña pola Día Internacional da Muller Traballadora con actos na comarca para reclamar compromisos claros e concretos cara un futuro feminista en Galiza

Chama a participar de forma masiva na manifestación convocada en Vigo este venres, ás 20h dende a Praza dos Cabalos

O BNG reivindica un 8M de avances pola igualdade fronte aos retrocesos que impón a dereita: “Para todas, todo”

O Bloque Nacionalista Galego reivindica un 8 de marzo de avances pola igualdade fronte aos retrocesos que quere impoñer a dereita. A fronte nacionalista vén de presentar en Vigo a súa campaña pola Día Internacional da Muller Traballadora, baixo o título ‘Para todas, todo’, na que realizarán actos en toda a comarca para reclamar compromisos claros e concretos cara un futuro feminista en Galiza.

“Non é suficiente con frear os retrocesos que intenta impoñer a dereita, é tempo de avanzar sen escusas, sen discriminacións, sen escatimar orzamentos e sen deixar ningunha atrás”, defendeu a responsábel do BNG de Acción Feminista na comarca de Vigo, Raquel Pérez, acompañada da concelleira na cidade, Ana Martínez; das deputadas electas no Parlamento galego, Carmela González e Alexandra Fernández; da deputada provincial e portavoz en Gondomar, Manuela Rodríguez, e de Iria Custodio, responsábel comarcal da organización xuvenil Galiza Nova.

Dende o Bloque chamaron a defender e avanzar con firmeza nos dereitos conquistados en materia feminista fronte aos crecentes discursos que negan a violencia machista, o cuestionamiento dos dereitos sexuais e reprodutivos, a vixencia da discriminación laboral e da fenda salarial e a normalización de que os coidados sigan recaendo nas mulleres.

“Queremos que as declaracións de boas intencións sexan substituídas por pasos adiante que melloren as nosas vidas no inmediato”, reivindicou Pérez

Nese sentido, reiterou a proposta nacionalista de incrementar o orzamento da Xunta contra a violencia machista até o 1% do presuposto total, así como outras medidas como realizar unha auditoría sobre a situación das mulleres nas contratacións públicas para rematar coa discriminación e a fenda salarial, apostar pola igualdade no ensino recuperando a oferta nesta materia eliminada no presente curso e o impulso da Lei de Igualdade no Deporte.

A responsábel de Acción Feminista do BNG animou nese sentido a manter este 8M o pulso mobilizador do feminismo que, nos últimos anos, encheu as rúas de Galiza esixindo “menos discursos e máis recursos”. Así, chamou a sumarse de forma masiva ás mobilizacións convocadas na cidade pola CIG (11.30h dende a Dobrada) e polo movemento feminista (20h dende a Praza dos Cabalos).

Facer do combate das violencias machistas unha prioridade

Pola súa banda, a concelleira do BNG en Vigo, Ana Martínez, volveu reclamar que tanto o Concello como a Xunta de Galiza fagan do combate das violencias machistas unha prioridade política, diante dun contexto de aumento dos feminicidios e de avance dos “discursos negacionistas e banalizadores” da violencia contra as mulleres.

Martínez lamentou a “incoherencia ou cinismo” do Goberno municipal de Abel Caballero que malia “reivindicarse formalmente feminista” négase a dedicar máis recursos e esforzos para o combate de todas as formas de violencia machista e de desigualdade. No concreto, a edil nacionalista lembrou que o PSOE tombou o pasado novembro unha moción ao Pleno do Bloque que reclamaba multiplicar os recursos por parte dos Gobernos local e galego.

Na mesma liña, lamentou o rexeitamento das emendas do BNG aos orzamentos municipais da cidade para 2024 entre as que propuñan aumentar a partida destinada a campañas contra a violencia machista (dotada con apenas 3 mil euros), duplicar os recursos do Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades, así como poñer en marcha un Programa de apoio a mulleres vítimas de violencia machista. O Goberno municipal negouse tamén a crear dous novos Centros de Información ás Mulleres en Coia e Teis e a despregar un Plan municipal de Apoio aos Coidados.

“O BNG apostamos por un Concello de Vigo radicalmente feminista nos feitos e non apenas nas declaracións ou nos xestos, todos os días do ano e non apenas o 8M”, remachou.

Actos do BNG na comarca polo 8M

Dentro da campaña “Para todas, todo”, o BNG desenvolverá diferentes actos na comarca de Vigo:

·   PalestraA tripla opresión das mulleres galegas” (VIGO)

Mércores 6 marzo– 19:00h– A Contenedora (Eduardo Iglesias, 11).
Organizado por Galiza Nova e Erguer, en que participarán Marta Gómez (Galiza Nova), Iria Nande (Erguer), Manuela Rodríguez (BNG) e Ester Mariño (CIG)

·   Café feminista “A fenda salarial” (GONDOMAR)

Xoves 7 marzo – 20:00h– Café Keik (Rúa das Ánimas, 10).
Organizado polo BNG e coa participación de Ester Mariño, da CIG

 

·   Conferencia-coloquio “Que simboliza realmente o feminismo”(MOS)

Xoves 7 marzo – 20:15h– As Pedriñas (Avda. Rebullón, 23 – Puxeiros).
Organizada polo BNG, a cargo da psicóloga Sara Lorenzo.

O BNG reivindica un 8M de avances pola igualdade fronte aos retrocesos que impón a dereita: “Para todas, todo”