BNG reclama aumentar en 50 millóns o investimento na cidade de Vigo
Rego e Pérez Igrexas presentan as emendas rexistradas ao proxecto dos OXE 2022 co obxectivo de incrementar as actuacións na cidade.
Mellora das infraestruturas, reactivación económica e recuperación ambiental son os eixos fundamentais.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o voceiro municipal da formación nacionalista no Concello de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, presentan as emendas parciais rexistradas aos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 co obxectivo de incrementar o investimento na cidade de Vigo. Unha batería de emendas que supón un incremento de 50 millóns de euros para a cidade de Vigo e orientadas en tres eixos: mellora das infraestruturas de comunicación; a reactivación económica e industrial; e a recuperación e conservación do medio ambiente.
Nos Orzamentos Xerais do Estado aprobados para o vixente 2021, e dentro dun contexto de orzamentos expansivos, Galiza sufriu discriminación ao ver mermado o investimento territorializado en comparación cuns OXE, os de 2018, que xa supuñan una grave redución. Foi por iso, que a formación nacionalista presentara emendas para incrementar ese investimento, así como para reclamar melloras na política social e fiscal do executivo estatal mais non contou co apoio da coalición PSOE-UP que conforman o Goberno. “O BNG mantén a coherencia na defensa dos intereses da Galiza e dos intereses de Vigo que é a principal cidade en poboación do noso País” explica Rego.
Para a formación nacionalista, as emendas presentadas son cuestións fundamentais que deberían ser motivo de reivindicación unánime do conxunto da cidade. O BNG defenderá estas emendas no Congreso e tende a man para negociar a incorporación dalgunha destas necesarias actuacións no Proxecto de Orzamentos, mais o deputado entende que todo depende da vontade do Goberno do Estado. “Gustaríanos votar a favor dos Orzamentos porque iso significaría que son uns bos orzamentos para Galiza” sinala Rego.
Mellora das infraestruturas que permita a vertebrar o territorio
“Debemos garantir a saída sur da cidade para a conexión de alta velocidade que conecte Porto con Vigo” subliña Rego. O goberno portugués estabelece como prioridade a conexión do Eixo Atlántico mais falta que o executivo español teña esta mesma posición. “Temos que avanzar na redacción do proxecto que nos permita desenvolver a conexión ferroviaria da terminal portuaria no seu conxunto, tamén na terminal de Bouzas, coa estación de alta velocidade, a conexión coa terminal do Peinador e avanzar na conexión con Tui” enumera o concelleiro do BNG, Xabier Pérez, mentres reclama estabelecer un ferrocarril de proximidade para a area metropolitana.
“O trazado da AP-9 supón un grave impacto e un grave prexuízo para determinadas zonas da cidade de Vigo como pode ser o barrio de Teis. Nese sentido o BNG reclama converter en vía urbana o tramo da AP-9 desde Torres de Padín e mellorar os pasos elevados, pendentes desde 2019” reivindica o voceiro municipal. Así mesmo, demanda a urxente actuación de instalar barreiras acústicas na AP-9 ao seu paso pola cidade para que “deixe de ser un dos puntos negros de contaminación acústica de todo o trazado da autopista no noso País”.
Así mesmo, a formación nacionalista presenta emendas para a remodelación da A-55 cun incremento das partidas orzamentarias. “Hai unha demanda histórica que tamén incorporamos ás partidas como é o soterramento da VG-20 ao seu paso por Navia” explica o voceiro municipal. Enterralo para permitir un mellor encaixe do PAU de Navia e a súa continuidade con Coia e facilitar a mobilidade peonil.
“Reclamamos un compromiso real do Goberno para apostar pola dinamización do aeroporto do Peinador a través dun plan dotado, como mínimo, de 2.500.000 euros que permita a ampliación do horario na actividade aeroportuaria, mellore os seus acceso e aposte polos usos loxísticos que poña en marcha as enormes potencialidades deste aeroporto” urxe o voceiro municipal.
Reactivación económica e social para Vigo
Un Plan de recuperación económica e industrial como emenda específica. “O BNG marca como prioridade que a cidadanía teña oportunidades laborais no seu país, en especial a mocidade, e iso implica colocar en primeiro termo o desenvolvemento social e económico” reivindica o deputado do BNG.
Pérez Igrexas destaca a prioridade da organización nacionalista de reactivar a actividade naval e de automoción tras a perda de 15% de postos de traballo desde 2009. Este Plan, para o que se reclama unha dotación de 10 millóns de euros, recolle diversas medidas entre as que destaca crear un “centro de reparacións navais para o que defendemos unha partida de 3 millóns”.
Mellora ambiental e promoción cultural
Na comparecencia o deputado Néstor Rego fixo quixo tamén facer unha especial mención das emendas relacionadas coa preservación e a conservación do patrimonio ambiental. Moi particularmente coa rexeneración da Ría de Vigo e “coa mellora da calidade das augas”. Así mesmo, Pérez Igrexas explica a necesidade de levar a cabo unha auditoría da rede de subministro da auga potábel na cidade de Vigo “e o Goberno do Estado ten que participar do cofinanciamento das actuacións necesarias para acometer a recollida separada de augas pluviais tal e como recolle a normativa europea”.
Ademais, respecto ao ámbito cultural e da investigación, destacaron as emendas presentadas polo BNG que perseguen o aumento da dotación prevista para a Biblioteca pública do Estado en Vigo e para a Fundación Museo de Arte Contemporánea, así como a reclamación da ampliación do oceanográfico e dos seus medios que é esencial “non só para a cidade senón para o conxunto do País porque desenvolve unha actividade que sirve de apoio ao sector pesqueiro e marisqueiro”.