O BNG de Vigo pide á Xunta que non repita os mesmos erros no novo proceso de vacinación

Xabier P. Igrexas
Xabier P. Igrexas

A fronte nacionalista demanda ao Sergas que reconsidere a decisión de volver concentrar no IFEVI a vacinación de toda a área sanitaria.

Reclaman medidas para evitar novas retencións quilométricas de vehículos e longas esperas para acceder o recinto feiral e solicita reforzos no transporte urbano.

Xabier P. Igrexas: “Urxe que tanto o PSOE no Goberno municipal como o PP na Xunta deixen de xogar coas cousas importantes, que abandonen a lea permanente e senten a cooperar”.

O BNG de Vigo pide á Xunta que non repita os mesmos erros no novo proceso de vacinación

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexeitar este luns os plans anunciados pola Xunta de Galiza de centralizar outra vez o proceso de vacinación coa reapertura dun grande centro de vacinación no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para o conxunto da área sanitaria de Vigo. A fronte nacionalista solicitou que os Gobernos galego e municipal “abandonen a lea permanente e cooperen” para acordar un plan de mobilidade.

O portavoz do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, chamou a non repetir as “numerosas eivas e deficiencias” que atravesaron o anterior proceso de vacinación e despregar medidas organizativas que permitan “un acceso ordenado, seguro, cómodo" da poboación. “Non podemos volver ver esas escenas dantescas de retencións quilométricas con vehículos, de esperas longuísimas a pé para poder acceder ao recinto de vacinación”, denunciou.

Por ese motivo, Igrexas instou a que se estuden “outras posibilidades para facer máis accesíbel o proceso de vacinación, instalando centros noutras localidades ou mesmo diversificando con máis dun punto na cidade de Vigo”. O concelleiro nacionalista pediu que se trace un plan de mobilidade que permita facilitar o acceso o Ifevi.
 

Nesa liña, reclamou do Goberno municipal despregar “reforzos de verdade” no transporte urbano da cidade para facer máis accesíbel o recinto feiral a través dun sistema de lanzadeiras. “Urxe que tanto PSOE no Goberno municipal como PP na Xunta deixen de xogar coas cousas importantes, que abandonen a lea permanente e cooperen”.    
O BNG de Vigo pide á Xunta que non repita os mesmos erros no novo proceso de vacinación