O BNG reclama dous novos PAC en Vigo diante da situación “límite” da Atención Primaria e das Urxencias
A fronte nacionalista reitera a necesidade de abrir dous centros nas contornas de Navia-Coia e Teis para aliviar a saturación no PAC de Pizarro, nos centros de saúde e no Hospital Álvaro Cunqueiro
Xabier P. Igrexas: “É a crónica do desastre anunciado que provocan as nefastas políticas de privatización e recortes que impón o PP en contra da sanidade pública”
O Bloque Nacionalista Galego volve demandar dous novos Puntos de Atención Continuada (PAC) en Vigo diante da situación “límite” da Atención Primaria e das Urxencias hospitalarias na cidade. Así o reiterou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após unha nova xornada cunha presión asistencial récord na cidade, con case 600 persoas no Hospital Álvaro Cunqueiro este pasado luns.
“Cando hai que agardar de media 10 días para ter cita no centro de saúde e cando o PAC de Pizarro está saturado, a consecuencia é que a xente acuda ás Urxencias hospitalarias para procurar a atención médica que precisan”, afirmou Igrexas, que culpou desta saturación á Xunta de Galiza por ter os centros de saúde de Vigo “ao borde do abismo”, sendo unha das área sanitarias do Estado con maior carga asistencial por profesional.
O portavoz do BNG reiterou a proposta de abrir estes dous novos PAC nas contornas de Navia-Coia e Teis como solución para aliviar a presión no centro de Pizarro, ademais de desconxestionar os centros de saúde e as propias Urxencias do Álvaro Cunqueiro.
“Esta medida é perfectamente asumíbel e só esixe de vontade política, e sería un paso positivo para garantir o dereito a termos unha sanidade pública de calidade”
Dende a fronte nacionalista puxeron tamén o foco sobre a falla de atención pediátrica no actual PAC e as dificultades para ter cita este verán en moitos centros de saúde por ausencia de especialistas, que se traduciron este pasado luns na asistencia de preto dunha centena de crianzas e menores de 15 anos ás Urxencias hospitalarias. Nese sentido, demandou dotar deste servizo especializado no centro de Pizarro como nos dous novos puntos propostos.
Igrexas considerou que esta situación é a “crónica dun desastre anunciado" por causa da “privatizacións e recortes” impostos polo Goberno galego en contra da sanidade pública. “Temos que esixir novamente ao PP que deixe de xogar coa saúde das viguesas e vigueses”, subliñou o voceiro nacionalista, de vez que urxiu unha “emenda completa” das políticas sanitarias na cidade, principiando por reforzar a Atención Primaria.