O BNG de Vigo afea o “exhibicionismo” de Caballero coas axudas sociais e denuncia esperas de até dous meses
A fronte nacionalista censura a “indecente” utilización propagandística do Goberno municipal “presumindo” de resolver miles de axudas cando as recortou este ano nun 22%
Xabier P. Igrexas: “Do que debera ocuparse o alcalde é de reforzar os servizos sociais para que as máis vulnerábeis non teñan que agardar entre 6 e 10 semanas por unha cita”
O Bloque Nacionalista Galego afea o “exhibicionismo” do alcalde de Vigo, Abel Caballero, coas políticas sociais do Concello. Así o denunciou este venres o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que censurou a utilización propagandística das axudas sociais por parte do Goberno local após recortalas este ano e manter baixo mínimos os servizos sociais.
“Diante das declaracións de Caballero presumindo de que o Concello resolvera máis de 3 mil axudas sociais de emerxencia no que vai de ano, desde o BNG temos que lamentar este novo episodio de exhibicionismo a conta da grave situación de empobrecemento que padece a nosa cidade”, criticou Igrexas, lembrando que Vigo segue a ter a máis de 60 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza, segundo o índice Arope.
O portavoz nacionalista valorou como “especialmente indecente” que o alcalde faga alarde das políticas sociais municipais cando recortou as axudas nun 22% no orzamento de 2023, cando deixou sen gastar case medio millón de euros o pasado exercicio mentres se denegaban a moitas persoas con dificultades e cando o seu Goberno decidiu suprimir o chamado ‘cheque social’, unha axuda estábel que foi substituída por achegas puntuais.
“Do que debera ocuparse Abel Caballero é de reforzar de verdade os servizos sociais do Concello e garantir o funcionamento pleno de todas as unidades de asistencia social”, reclamou Igrexas
Nese sentido, denunciou que hoxe contan con menos da metade das traballadoras sociais necesarias, provocando esperas de entre 6 e 10 semanas por unha cita. “Até máis de 2 meses para comezar a abordar situacións de emerxencia social”, lamentou.
Por estes motivos, o voceiro municipal do BNG reiterou o chamamento para converter o Concello de Vigo nun “verdadeiro parapeto social” que protexa as persoas máis vulnerábeis no actual contexto de empobrecemento. “As viguesas e vigueses o que precisan e merecen é de máis política social e menos propaganda”, demandou Igrexas.