O BNG reclama que o goberno galego manteña as axudas ás hipotecas para vivendas protexidas
Carme Adán e Iolanda Veloso mantiveron esta tarde unha xuntanza con representantes dos afectados en Navia
A deputada do BNG, Carme Adán, denunciou que o goberno galego non revise de oficio a denegación de axudas á hipoteca a propietarios de vivendas protexidas. Tras a xuntanza que o Bloque celebrou a pasada semana con persoas afectadas do barrio coruñés de Novo Mesoiro, Carme Adán e a portavoz municipal Iolanda Veloso mantiveron esta tarde unha reunión con propietarios de Navia.
Na xuntanza, Carme Adán destacou que o Bloque seguirá insistindo para que o PP mude a súa postura e siga o exemplo de Castilla y León ao decidir revisar de oficio estes subsidios. Non é de recibo que eliminen un dereito que estaba recoñecido, denunciou.
Segundo explicaron as responsables do BNG, a decisión de eliminar a concesión de axudas vinculadas a planes de vivenda anteriores a 2012, afecta a máis de 8.000 persoas en Vigo e A Coruña. Lamentamos a actuación do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que se limita a tramitar as axudas e mirar cara outro lado cando se suprimen, engadiu Carme Adán.
A deputada do Bloque acusou ao Partido popular de insensibilidade por denegar a renovación das axudas hipotecarias ás familias e critica que o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pechara a porta a revisar a negativa da Xunta.