O Bloque demanda a Fomento "respostas claras e concretas" sobre o traspaso da avenida de Madrid
Olaia Fernández Davila reprocha a Fomento que se limite a dar respostas obvias que todo o mundo coñece e pídelle que explique se comunicou de maneira oficial ao concello vigués a transferencia deste vial
A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para pedirlle ao Ministerio de Fomento clareza e explicacións concretas sobre o traspaso da Avenida de Madrid ao concello de Vigo.
A deputada do BNG dirixira hai uns meses unha pregunta parlamentar a Fomento sobre este tema, e Fomento limitouse a respostar unha obviedade xa coñecida ao sinalar que o concello de Vigo adoptou en 2009 o acordo de solicitar a transferencia de titularidade da Autovía A-55 ao seu paso por dito termo municipal.
Davila acusa a Fomento de eludir respostas á preguntas concretas formuladas por esta deputada e non da explicacións. Razón pola que a parlamentar nacionalista dirixe unha batería de cuestións ao Ministerio:
Acordou o Ministerio de Fomento o traspaso ao concello de Vigo da titularidade da Avenida de Madrid (A-55), solicitada polo concello vigués en 2009? Comunicou o Ministerio de Fomento de maneira oficial ao concello de Vigo a transferencia da Avenida de Madrid? Vai proceder ao traspaso sen facer antes as melloras e reformas que este vial precisa? De non ser así, vai acompañar o traspaso da dotación económica correspondente para reformala?.
Davila considera que o Ministerio de Fomento non pode dar a calada por resposta sobre un tema que é importante para a cidade viguesa.