O BNG reclama un informe da Eurocámara que achegue solucións ao saneamento das rías galegas
Ana Miranda lamenta que o PP teña como único obxectivo lavarlle a cara ao Goberno central e autonómico
O BNG demanda que o informe do Parlamento Europeo sexa rigoroso e achegue propostas que contribúan a completar o saneamento integral da Rías galegas, e lamenta a estratexia do PP de desvalorizar os contidos do informe da Eurocámara que está a provocar continuadas demoras na súa aprobación, ante a negativa de dúas dos tres ponentes oficiais a aceptar as modificacións que descafeinan a redacción inicial do informe.
A secretaria de política internacional do Bloque, Ana Miranda, eurodeputada nacionalista no momento en que a delegación do Parlamento Europeo visitou as Rías de Vigo, Ferrol e O Burgo, salienta que o importante é que o informe recolla propostas e medidas para acadar o obxectivo polo que tantos colectivos, plataformas e persoas levan loitando: completar o saneamento das rías galegas".
Para acadar este obxectivo, o BNG ten presentado "propostas moi concretas como destinar fondos europeos para rematar as infraestruturas necesarias para ese saneamento, explicou Ana Miranda.
Neste sentido, a secretaria de política internacional lamenta que o PP na Eurocámara estea instalado na estratexia de desvalorizar os contidos críticos do informe coa única finalidade de lavarlle a cara tanto ao Goberno central como a Xunta. De feito, salientou, foron retiradas incluso as manifestacións do propio Executivo autonómico no que se admitían problemas no estado das rías galegas que motivaron a visita de investigación da Eurocámara.
O PP debe deixa de restar e de boicotear a elaboración e aprobación do informe, porque ese empeño en recortar o contido inicialmente redactado polos ponentes oficiais está levando a continuos retrasos que en nada contribúen a mellorar o estado das rías, alegou Ana Miranda, quen presentará emendas a través do Grupo Verdes/ALE no que está integrado o BNG na Eurocámara.