O BNG reclama en Vigo a reactivación da atención presencial nos centros de saúde
A deputada Montse Prado urxiu o reforzo da Atención Primaria con máis persoal e poñer en marcha un Plan de Choque con 200 millóns de euros adicionais.
O concelleiro Xabier P. Igrexas denunciou o colapso que se está a vivir nos centros de saúde da cidade.
O Bloque Nacionalista Galego realizou esta mañá en Vigo unha acción simbólica para demandar melloras na atención primaria na área sanitaria viguesa. Diante do centro de saúde do Casco Vello, a fronte nacionalista despregou unha faixa e concentrouse coa presenza do portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, e mais das deputadas no Parlamento galego, Montse Prado e Alexandra Fernández.
En declaracións aos medios de comunicación, Igrexas explicou que a atención primaria xa enfrontaba dificultades con anterioridade ao inicio da pandemia do coronavirus por causa das políticas de recortes aplicadas pola Xunta do Partido Popular e que converteron, segundo o nacionalista, a área de Vigo na “zona cero da desfeita sanitaria”.
No entanto, o portavoz municipal remarcou que a falla de persoal e a negativa do Sergas a ofrecer atención presencial está provocando “diagnósticos médicos de oídas, por telefóno, sen poder ofrecer a atención e o acompañamento necesarios”. Unha situación especialmente grave para os colectivos máis vulnerábeis como as persoas enfermas crónicas, as persoas maiores e as crianzas. “O Sergas ten colapsada a Atención Primaria, cunha enorme sobrecarga de traballo, en grande medida burocrático, cando debera ser a primeira liña da acción sanitaria para enfrontar a segunda vaga de contaxios”, expresou.
Pola súa banda, a deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento Galego, Montse Prado, urxiu a unha mudanza na política sanitaria do Goberno galego dotando a Atención Sanitaria do persoal facultativo, de enfermería e doutras especialidades, así como administrativo e de limpeza, para reforzar os centros de saúde e reiniciar a atención presencial. “Non temos atención en persoa e o que hai é unha evidente sobrecarga que orixina importantes listas de espera, por días e por semanas, para unha cita ou para unha proba”, alertou.
Prado advertiu tamén do efecto que esta situación está a ter na atención sanitaria de doentes crónicos ou con enfermidades complexas como cardiopatías. “A falla de atención e acompañamento está provocando que os pacientes teñan descompensamentos na súa saúde e as súas doenzas cursen con menos control do que deberan”, sinalou.
Diante desta situación, a deputada nacionalista esixiu da Xunta de Galiza que dote a atención primaria, que conta na actualidade con 150 millóns de euros menos de orzamento dos que tiña en 2009, dos medios necesarios. Nese sentido, reclamou asignar o 25% do orzamento sanitario para esta finalidade así como despregar, de maneira inmediata, un plan de choque con 200 millóns euros adicionais.
Prado denunciou tamén a falla de transparencia do Sergas no que ten a ver coa situación sanitaria. Un escurantismo que exemplificou no feito de que inda non se desen a coñecer os datos da lista de agarda, cando tiñan a obriga de os comunicar o pasado mes de xullo. Aliás, lamentou que non se conte con datos oficiais sobre a cantidade de persoal sanitario que está a traballar no Sergas para evitar “trampas como computar contratos en lugar de postos”.