O BNG de Vigo propón a creación dunha oficina municipal para axudar e asesorar a veciñanza na xestión da biomasa das súas parcelas

maleza

Advirten das dificultades que se están a rexistrar para cumprir o requirimento municipal de limpeza de maleza en só quince días, e das dúbidas que está a xerar en relación ao mantemento do arborado.  

Xabier P. Igrexas: “O Concello non pode limitarse a trasladar unha comunicación de tipo burocrático, redactada en linguaxe xurídica, cun prazo tan estreito, senón que debera brindarlles apoio e asistencia”.

O BNG de Vigo propón a creación dunha oficina municipal para axudar e asesorar a veciñanza na xestión da biomasa das súas parcelas

 Diante das queixas e a preocupación trasladada pola veciñanza de diferentes parroquias, polos requirimentos que están a recibir do Concello de Vigo para a limpeza de maleza e retirada de árbores invasoras (mimosa e acacia) e pirófitas (piñeiros e eucaliptos) das súas parcelas, o Bloque Nacionalista Galego propón a creación dunha oficina de asesoramento dependente da concellaría de Parques e Xardíns.

“Estamos a recibir queixas por parte da veciñanza que nos manifesta, en primeiro lugar, as dificultades que están atopando, agravadas por este contexto de pandemia, para poder contratar os servizos profesionais para a limpeza da maleza nun prazo de apenas 15 días”, explicou o concelleiro, Xabier P. Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista tamén advertiu que está haber problemas, sobre todo entre as propietarias e propietarios de maior idade, para entender o que se lle esta a requirindo por parte do Concello. “Estase a dar algún caso onde a veciñanza ten dúbidas sobre se pode manter ou non as árbores frutais da súa parcela”,exemplificou.

Diante desta situación a fronte nacionalista propón a creación dunha oficina de asesoramento e información para atender e apoiar a todas as veciñas e veciños de Vigo que “son as primeiras interesadas en que as súas parcelas estean limpas, coa biomasa ben xestionada, para evitar riscos incendiarios e garantir as mellores condicións de salubridade dos seus ámbitos”.

“O Concello non pode limitarse a trasladar unha comunicación de tipo burocrático, redactada en linguaxe xurídica, cun prazo tan estreito, senón que debera brindarlles apoio e asistencia”, resumiu Igrexas.

O BNG de Vigo propón a creación dunha oficina municipal para axudar e asesorar a veciñanza na xestión da biomasa das súas parcelas