O BNG reclama á Xunta pasos seguros para os peóns na estrada PO-552 á altura de Saiáns e Oia

Carmela González e Xabier P. Igrexas con veciñanza afectada na estrada Camposancos
Carmela González e Xabier P. Igrexas con veciñanza afectada na estrada Camposancos

A fronte nacionalista traslada ao Parlamento galego a demanda veciñal para garantir a seguridade na estrada de Camposancos, cun elevado tránsito de vehículos, ao seu paso polas dúas parroquias de Vigo

Carmela González: “Saiáns e un tramo de Oia son os únicos puntos da PO-552 que non contan con absolutamente ningunha medida de seguridade para as persoas”

Xabier P. Igrexas: “O BNG temos que lamentar que o Concello de Vigo non teña tampouco movido un só dedo para urxir á Xunta unha resposta a esta demanda”

O BNG reclama á Xunta pasos seguros para os peóns na estrada PO-552 á altura de Saiáns e Oia

O Bloque Nacionalista Galego reclama á Xunta de Galiza que habilite pasos seguros para os peóns na PO-552 á altura das parroquias viguesas de Saiáns e de San Miguel de Oia. A fronte nacionalista vén de trasladar ao Parlamento galego esta demanda veciñal para garantir a seguridade na estrada de Camposancos, unha vía cun elevado tránsito de vehículos e de sinistros.

“En todo o percorrido da PO-552 dende Vigo até Baiona existen beiravías ou sendas peonís polas que camiñar con seguridade agás na parroquia de Saiáns e nun tramo de San Miguel de Oia”, subliñou a deputada do BNG, Carmela González, quen se reuniu este mércores con veciñanza afectada canda o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas.

González lembrou que esta estrada funciona como vía interurbana, con vivendas e comercios a ambos lados da estrada, e cun constante paso de persoas. “Estamos a falar de dous tramos que en total representan menos de 2 quilómetros e que permitiría reducir o risco de sinistros”, destacou a deputada nacionalista, chamando a poñer fin a esta “discriminación” con estas dúas parroquias viguesas.

O Concello de Vigo non moveu un dedo

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou a situación destes tramos da estrada de Camposancos como “unha evidencia máis do total abandono” por parte da Xunta de Galiza coas vías de titularidade autonómica na cidade. “En pleno 2024 vemos como a veciñanza de Saiáns e Oia se teñen que xogar literalmente o tipo ante a ausencia de beiravías e sendas peonís”, afeou.

Igrexas asegurou que “non ten ningún tipo de xustificación que o PP insista en desatender esta demanda veciñal”. No mesmo sentido, lamentou que o Goberno municipal tampouco teña “movida un só dedo” para urxir á Xunta que dea resposta a esta necesidade. 

O BNG reclama á Xunta pasos seguros para os peóns na estrada PO-552 á altura de Saiáns e Oia