O BNG de Vigo cualifica de “moi decepcionantes” os escasos acordos atinxidos na reunión entre Rueda e Caballero
A fronte nacionalista valora positivo que haxa “por fin” unha mínima vontade de cooperación entre Xunta e Concello pero lamenta que non se abordaran asuntos fundamentais para a cidade como a situación da sanidade ou da industria
Xabier P. Igrexas: “Despois dos xestos ten que haber compromisos reais para atender as moitas cuestións pendentes tras 15 anos de continuado abandono por parte da Xunta do PP en contra da maior cidade de Galiza”
O Bloque Nacionalista Galego cualifica de “moi decepcionantes” os escasos acordos atinxidos na reunión entre o presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero. A fronte nacionalista valora positivo este primeiro paso para poñer fin ao “permanente pimpampum” dos últimos anos en contra dos intereses da cidade, pero lamenta que non se abordaran neste encontro asuntos fundamentais para Vigo como a situación da sanidade ou da industria.
“Saúdamos que haxa, por fin, unha mínima vontade de cooperación é que tanto o PSOE como o PP parezan dispostos a deixar de xogar irresponsabelmente ao canto peor mellor”, considerou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen advertiu de que “despois dos xestos ten que haber compromisos reais para atender as moitas cuestións pendentes tras 15 anos de continuado abandono por parte da Xunta do PP en contra da maior cidade de Galiza”.
Igrexas cuestionou que as principais necesidades da cidade non estiveron enriba da mesa durante a case hora e media de reunión entre o presidente galego e o rexedor vigués. “Parece que no camiño entre o Concello e a Delegación da Xunta, Abel Caballero esqueceuse de moitos dos temas aos que cada pleno dedican as súas mocións o grupo municipal socialista”, ironizou.
Nin unha soa palabra de sanidade ou industria
Nese sentido, o portavoz municipal do Bloque afeou que non dedicara “nin unha soa palabra sobre a nefasta política sanitaria que ten colapsados os centros de saúde e o PAC, sen garantías de atención durante o verán”. Nin tampouco do “imprescindíbel” rescate da concesión privada do Hospital Álvaro Cunqueiro e da absorción de Povisa na rede pública para “poñer fin á atención sanitaria de dúas velocidades”.
Na mesma liña, lamentou que tampouco se abordara a “grave” crise industrial que atravesa Vigo na que, nos últimos 15 anos de gobernos populares na Xunta, se destruíron máis de 7 mil empregos, con sectores chave como a automoción ou o naval enfrontando “grandes dificultades” que ameazan o peso industrial e laboral da cidade.
Aliás, Igrexas lembrou outros compromisos pendentes do Goberno galego como a necesidade de construír novas residencias públicas de maiores, prometidas dende o ano 2009, ou de crear como mínimo 5 novas escolas infantís, diante da falla de oferta pública que deixou este ano a 650 familias sen praza. Nin tampouco da urxente reforma e ampliación do Punto de Encontro Familiar e do Centro de Información ás Mulleres (CIM). Ou da demandada implantación das gardas de 24 horas nos xulgados de Vigo e da liña de bus directa con Peinador, similar a do resto de aeroportos galegos.
“Para alén dunha foto simpática pouco, practicamente nada, cambia no que de verdade importa: as políticas e o investimentos da Xunta de Galiza na nosa cidade”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, quen lamentou que sobre algúns dos asuntos abordados como o problema de acceso á vivenda tan só se acordara constituír un grupo de traballo. “Abel Caballero non foi capaz nin de lograr que a Xunta dedique o 50% das 1600 vivendas proxectadas no Plan Parcial de Navia a alugueiro”, afeou.
BNG na defensa dos intereses de Vigo
Diante desta situación, dende o BNG comprometéronse a seguir “esixindo con absoluta firmeza” e como primeira forza da oposición no Parlamento galego que a Xunta de Galiza cumpra dunha vez con Vigo. “Exercendo as súas competencias e atendendo as necesidades das 300 mil viguesas e vigueses que somos, antes de máis, 300 mil galegas e galegos con dereitos”, reclamou Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista asegurou que as viguesas e vigueses “poden ter a confianza” en que o Bloque vai seguir “dando a batalla para lograr poñer punto e final ao abandono da cidade” por parte dun PP que, nos últimos anos, negoulle a Vigo investimentos por volta de 500 millóns de euros, rexeitando todas e cada unha das emendas do BNG aos orzamentos da Xunta.