O BNG reclama unha rectificación do Sergas na derivación de doentes de radioterapia da área de Vigo

Montse Prado e Xabier P. Igrexas en rolda de prensa
A deputada Montse Prado e o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, en rolda de prensa

A fronte nacionalista rexeita a pretensión de transferir os tratamentos a Ourense e ao centro privado Povisa pola imposibilidade de realizalos no hospital público do Meixoeiro

Montse Prado: “O BNG consideramos inaceptábel esta decisión do Goberno galego do PP, que afonda na súa folla de ruta de privatización da sanidade pública”

O BNG reclama unha rectificación do Sergas na derivación de doentes de radioterapia da área de Vigo

 O Bloque Nacionalista Galego reclama unha rectificación do Servizo Galego de Saúde (Sergas) despois do anuncio realizado para a derivación de doentes en tratamento de radioterapia na área sanitaria de Vigo. A fronte nacionalista rexeita así a pretensión da Xunta de transferir os tratamentos a Ourense e ao centro privado Povisa pola imposibilidade de realizalos no hospital público do Meixoeiro.

“O BNG consideramos inaceptábel esta decisión do Goberno galego de Rueda, que afonda na súa folla de ruta da privatización da sanidade pública, condicionando e empeorando a asistencia para que sexa imprescindíbel a sanidade privada”, valorou a portavoz de Sanidade do Bloque no Parlamento galego, Montse Prado. 

A deputada nacionalista afeou que a solución do Sergas pase por derivar doentes ao Complexo Hospitalario Universario de Ourense, a un centenar de quilómetros da área de Vigo, ou que valore transferilos ao Hospital Povisa, ao que cada ano se lle paga un concerto millonario para rebaixar as listas de espera da pública. “O Goberno de Rueda quere seguir engordando a conta de resultados de Povisa en lugar de destinar todos eses recursos a mellorar e ampliar a sanidade pública”, denunciou.

Prado sinalou ao PP como responsábel da situación da rede pública na área sanitaria de Vigo, lembrando o sobrecusto de 470 millóns de euros na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro a pesar de ser un centro máis pequeno e con menos servizos dos inicialmente proxectados. “A Xunta ten que deixar de actuar como comercial das empresas privadas e garantir que toda a poboación da área de Vigo teña atención na sanidade pública”.

O BNG reclama unha rectificación do Sergas na derivación de doentes de radioterapia da área de Vigo