O BNG defenderá no Pleno a instalación en Vigo dun monumento conmemorativo das loitas obreiras de 1972
Xabier P. Igrexas: “O mesmo Goberno que financia con diñeiro público un Sagrado Corazón de Xesús na Guía négase a que a cidade teña un espazo visíbel e permanente para render tributo a quen tanto loitou polos dereitos de todas e de todos"
Alberto Gonçalves: “A CIG non imos permitir que ningún alcalde ofenda desta maneira a memoria das grandes loitas obreiras que se viviron en Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego vai defender no Pleno de Vigo a instalación do monumento encargado pola Confederación Intersindical Galega (CIG) para conmemorar as loitas obreiras de 1972. A fronte nacionalista trasladará así unha moción da central sindical á vindeira sesión plenaria diante do “veto e do silenciamento” do Goberno de Abel Caballero, que se nega a facilitar unha localización, tras 34 meses de xestións, para colocar o monumento que a CIG quere doar á cidade.
“Ante o intento de silenciamento desta iniciativa da CIG, como demostra que se lle impida intervir directamente no Pleno malia ser unha posibilidade recollida no Regulamento, o BNG defenderemos esta moción coa forza moral e a dignidade dunha cidade orgullosamente obreira e combativa, que nada ten a ver co Vigo parque temático que di gobernar o emperador espido”, afirmou o portavoz municipal do Bloque, Xabier P. Igrexas, en rolda de prensa xunto co secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves.
Igrexas reivindicou a “inmensa débeda” da cidade coas millares de traballadoras e traballadores que en 1972, en plena ditadura franquista, converteron Vigo no “verdadeiro epicentro da loita obreira en Galiza e abriron camiño en favor de máis dereitos laborais e tamén na conquista de liberdades democráticas”.
Muro antidemocrático do PSOE
O portavoz municipal nacionalista denunciou nese sentido os vetos do Goberno de Caballero durante o pasado ano 2022 a dúas iniciativas promovidas polo Bloque para que o Concello recoñecera estas loitas obreiras no seu 50 aniversario, mediante unha declaración institucional e co outorgamento da Medalla da Cidade.
“Ambas as dúas propostas chocaron co muro do absolutismo antidemocrático dun PSOE que en Vigo xa deixou ben claro hai moito tempo que a partícula ‘obreiro’ das súas siglas é un significante baleiro”, afeou Igrexas, quen valorou como “incomprensíbel e inxustificábel” estas negativas por parte dun Goberno municipal que conta con destacados e destacadas dirixentes sindicais.
Dende o Bloque contrapuxeron estes vetos coas facilidades do Goberno local a outras actuacións de distinta índole, como financiar con diñeiro público a instalación dun Sagrado Corazón de Xesús xigante na ermida da Guía. “O mesmo Goberno que mantén de maneira infame en pé a Cruz fascista do Castro e que presume da árbore de Nadal máis alta do mundo, négase a que a cidade teña un espazo visíbel e permanente para render tributo a quen tanto loitou polos dereitos de todas e de todos”, censurou Igrexas.
Na mesma liña, o portavoz municipal nacionalista lamentou a “permanente posición antisindical” do alcalde, lembrando as súas provocacións contra o persoal de bombeiros, coas traballadoras sociais e co persoal de Vitrasa, entre outras protestas laborais en servizos dependentes do Concello.
34 meses de xestións
De por parte, o secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves, denunciou os numerosos atrancos por parte do Goberno municipal para facilitar a instalación do monumento conmemorativo encargado e pagado pola central sindical. “Pasaron 34 meses, nada menos, desde que en xaneiro de 2022 a CIG iniciamos as xestións co Concello de Vigo para facer realidade esa doazón”, criticou.
Gonçalves criticou que o alcalde “que tanto gusta de inauguracións e grandes obras o único que fixo neste tempo foi marear a perdiz e poñer un reparo e unha escusa detrás da outra”. Así, lamentou que ningunha das 3 localizacións diferentes propostas polo Concello durante este tempo foran finalmente aceptadas malia a vontade de colaboración da CIG.
Diante do silencio do Goberno local, a central sindical demandou sen éxito en marzo deste ano unha reunión con Abel Caballero, reiterada o pasado mes de setembro co mesmo resultado. Aliás, trasladou a proposta de moción e a solicitude de intervir no Pleno municipal sen recibir ningunha resposta. “A CIG non imos permitir que ningún Goberno municipal ofenda desta maneira a memoria das grandes loitas obreiras que se viviron en Vigo”, advertiu Gonçalves. “Non vamos tolerar que un alcalde que se di progresista desprece e falle o respecto desta maneira aos milleiros de obreiras e obreiros que deron a batalla pola mellora das condicións de vida e de traballo”, remachou.