O BNG de Vigo demanda unha rede municipal de bibliotecas en todos os barrios e denuncia o abandono da Juan Compañel

A fronte nacionalista pide aclarar as consecuencias do asolagamento en varios espazos da biblioteca do Casco Vello, que custodia importante patrimonio bibliográfico da cidade

Ana Martínez: “A veciñanza precisa que o Concello constrúa auténticas bibliotecas de proximidade, como a que espera Teis desde hai unha década e máis de 20 promesas”

O BNG de Vigo demanda unha rede municipal de bibliotecas en todos os barrios e denuncia o abandono da Juan Compañel

O Bloque Nacionalista Galego demanda a posta en marcha dunha rede municipal de bibliotecas en todos os barrios e parroquias de Vigo, con motivo do Día das Bibliotecas. A fronte nacionalista reitera a necesidade de continuar o camiño iniciado en 2011, co Bloque á fronte da concellaría de Cultura, coa apertura da Neira Vilas no Calvario como primeiro paso desta rede de bibliotecas.

“O que precisa a veciñanza é que o Concello constrúa auténticas bibliotecas de proximidade, con todos os servizos bibliotecarios, e non simples salas de estudo nas que non hai nada que ler”, reclamou a este respecto a concelleira do BNG de Vigo, Ana Martínez, lembrando que proxectos como a biblioteca en Teis levan unha década nun caixón a pesar dos máis de 20 anuncios e promesas do alcalde.

A concelleira nacionalista lamentou que Vigo conte tan só con 1 biblioteca municipal para 300 mil habitantes, moi por baixo das recomendacións das principais entidades internacionais que falan de 1 por cada 15 mil persoas. E lonxe tamén de cidades con tamaño similar como A Coruña (con 8 bibliotecas), Vitoria-Gasteiz (13) ou Valladolid (19).

Martínez considerou inexplicábel que o Goberno municipal de Abel Caballero, que insiste dende 2007 na necesidade de dotar Vigo dunha Biblioteca do Estado, rexeite ano tras ano esta proposta nacionalista e tampouco garanta unha adecuada conservación do patrimonio bibliográfico da cidade.

Asolagamento na Juan Compañel

Sobre esta última cuestión, dende o BNG interpelaron tanto ao Concello como á Xunta de Galiza en relación ás consecuencias do asolagamento en varios espazos da Biblioteca Juan Compañel, que afectou o pasado xullo ao Fondo Local. “Como é posible que un depósito que contén obras de valor para a nosa cidade non estea preparado para evitar estas situacións?”, cuestionou a edil do Bloque, quen preguntou cantas medidas de seguridade máis incumpre o edificio da biblioteca pública do Casco Vello.

Martínez pediu coñecer ademais cantas e que obras resultaron estragadas e as posibilidades para a súa restauración, así como as actuacións realizadas tanto polo Goberno local como galego para repoñer os danos. Nese sentido, demandou tamén que ambas administracións coordinen os recursos, destinando partidas específicas nos orzamentos de 2025, para as melloras no edificio que eviten que volva suceder.

O BNG de Vigo demanda unha rede municipal de bibliotecas en todos os barrios e denuncia o abandono da Juan Compañel