O BNG respalda a reclamación do alumnado da ESAD para que a titulación sexa considerada de grao
Carme Adán e Cosme Pombo, deputada e deputado do BNG no Parlamento galego, expresaron o apoio do Bloque á demanda da alumnado da Escola Superior de Arte Dramática para que a titulación deste centro sexa homologada ás titulacións universitarias. Así o subliñaron despois de reunirse co director do centro e representantes do estudantado, a petición do propio alumnado, nas instalacións do centro vigués.
Queremos deixar claro á Xunta que apoiar esta reclamación non supón máis custe, senón que só se necesita vontade política para facer a homologación, afirmou Carme Adán, quen considerou que a xuntanza foi moi positiva para coñecer de primeira man as demandas da comunidade da ESAD.
Segundo explicou Cosme Pombo, o obxectivo prioritario é acadar que a titulación da primeira remesa de alumnos e alumnas do curso que vén sexa de grao e con homologación europea. O deputado nacionalista destacou que é fundamental que calquera alumno da Escola poida usar a súa titulación onde faga falta e que a titulación do estudantado galego non sexa inferior ao do resto.
Evitar a emigración
Pensamos que coa lexislación vixente a Consellería pode homologar e validar estas ensinanzas superiores cos títulos universitarios, asegurou Pombo, para quen é imprescindible que esta demanda se cumpra porque senón o alumnado da ESAD terá que emigrar.
O deputado do BNG salientou que defender a titulación de grado da Escola Superior de Arte Dramática é unha forma de impulsar o potencial galego, así como de respaldar a cultura galega. Queremos que en Galiza teñamos as titulacións que merecemos.
En representación do alumnado, Arianna Francescutto destacou que o alumnado reclama o que contratamos nas matrículas, é dicir, que os estudos sexan de grao, e formar parte do sistema universitario.