O Bloque retira a moción sobre os campamentos tras a rectificación da Deputación

O Bloque retira a moción sobre os campamentos tras a rectificación da Deputación

Tras a rectificación da convocatoria dos campamentos que organiza a Deputación de Pontevedra, a portavoz municipal do BNG e deputada provincial, Iolanda Veloso, solicitou a retirada da moción correspondente que o Bloque presentaba hoxe para o seu debate. “Entendemos que ao incluír a todas as crianzas o problema xa está solucionado, polo que agardamos que o ano que vén se manteña o formato novo da convocatoria”, manifestou ao remate da sesión plenaria.

Iolanda Veloso agradeceu especialmente o traballo que desenvolve a Comisión de Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) da Federación de Anpas (Foanpas), redactora do parágrafo novo das bases dos campamentos. Salientou asemade o seu constante esforzo na defensa da calidade do ensino público e da integración de todos os nenos e nenas.

Para a portavoz municipal do BNG, a nova redación da convocatoria implica a “corrección dunha dobre discriminación”. Ao seu xuizo, por un lado significa a corrección da exclusión expresa de nenos e nenas con diversidade funcional nestes campamentos, “lamentable que se produzan a estas alturas”, apuntou.

Pero por outra banda, segundo destacou Iolanda Veloso, esta rectificación tamén corrixe “a discriminación que supón ter admitido a crianzas con diversidade funcional de forma discrecional”, tal e como o propio presidente da Deputación de Pontevedra ten admitido publicamente.

 

O Bloque retira a moción sobre os campamentos tras a rectificación da Deputación