O BNG responsabiliza á Xunta do “desastre inducido” na Atención Primaria na área de Vigo
A fronte nacionalista trasladoulle á Xunta de Persoal do Chuvi o seu total apoio e chama a participar na manifestación convocada para o vindeiro 30 de setembro.
A deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, esixe ao Goberno galego que rectifique e atenda as propostas e alternativas formuladas polo Bloque.
Xabier P. Igrexas: “Non abonda con queixarse, hai que rebelarse e mobilizarnos con toda a firmeza para esixir o noso dereito a unha sanidade pública, gratuíta e de calidade”.
VIGO, 17 de setembro 2021.- O Bloque Nacionalista Galego mantivo esta mañá un encontro coa Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo a quen trasladaron o seu total apoio diante da “situación límite” que atravesa o conxunto da rede asistencial e, de maneira especial a Atención Primaria.
No encontro, no que participaron o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, as deputadas, Alexandra Fernández e Carmela González, e mais a portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, as nacionalistas urxiron unha “rectificación total” por parte da Consellaría de Sanidade e instaron á Xunta do Partido Popular a aplicar as numerosas propostas e alternativas que o BNG trasladou nos últimos meses.
O portavoz municipal do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, cualificou de “desastre inducido” a grave situación que atravesa a Atención Primaria en Vigo e no conxunto da súa área sanitaria, da que responsabilizou directamente ás políticas de “recortes e privatización” aplicadas reiteradamente polo Partido Popular desde a Xunta de Galiza.
Igrexas advertiu de que os centros de saúde están a funcionar “coa metade do persoal necesario” o que se traduce en listas de agarda de até 20 días para lograr cita, así como nunha merma da calidade asistencial. Ademais, o edil, enfatizou a “enorme sobrecarga” que está a asumir o persoal sanitario pola falla de medios. “Desde o BNG queremos resaltar e agradecer, máis unha vez, o compromiso e o grande traballo que está a desenvolver todo o persoal sanitario, pero temos que lamentar que o Sergas o recompense con máis precariedade e menos medios”, afirmou.
Desde o BNG expresaron o seu apoio á manifestación convocada pola Xunta de Persoal do CHUVI, precisamente para esixir solucións á situación “insostíbel” que se vive na Atención Primaria. “Non abonda con queixarse, non chega con denunciar as consecuencias das políticas coas que o PP ataca a sanidade pública, hai que rebelarse e mobilizarnos con toda a firmeza para esixir o noso dereito a unha sanidade pública, gratuíta e de calidade para todos e todas”, manifestou Igrexas.
Hai alternativa
Pola súa parte, a deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, incidiu en que fronte ao discurso “rotundamente falso” do Goberno galego de que “non se pode facer nada máis” si que existen alternativas que permitirían reforzar e mellorar substancialmente a sanidade pública galega. “Un ano e medio despois do inicio da pandemia vemos como non hai practicamente ningún centro de saúde en toda Galiza que estea a funcionar con normalidade”, apuntou.
Prado denunciou que a situación actual que se vive na Atención Primaria obedece a “decisións políticas que só perseguen dinamitar a sanidade pública para promover os seguros privados”.
A deputada nacionalista lembrou que o BNG leva moitos meses a trasladar “propostas concretas e factíbeis que só esixen de vontade política”, como un plan de choque dotado con 200 millóns de euros para dotar a Atención Primaria de máis medios.
Aliás, propoñen a incorporación de outras profesionais sanitarias de especialidades como a psicoloxía clínica, a logopedia, a terapia ocupacional ou o alargamento das carteiras de servizos para que enfermería, matronas ou fisioterapeutas, poidan desenvolver máis funcións con autonomía. “Cómpre lembrar que arredor do 30% das consultas de medicina de familia teñen a ver coa saúde mental, por iso fronte á escusa da falla de médicos e médicas, é incomprensíbel a negativa a incorporar a psicoloxía clínica na Atención Primaria xa que suporía un alivio moi importante da carga asistencial”, exemplificou.
O reforzo de persoal debe estenderse, segundo Prado, tamén ao resto de categorías, como persoal de servizos xerais ou administrativo, atendendo á saturación que os novos procesos derivados da Covid impuxo en moitos centros de saúde.
En relación á normalización da atención presencial nos centros de saúde, desde o BNG remarcan que ten que viabilizarse co necesario reforzo de medios materiais e humanos. “É importante normalizar a presencialidade, mais o que non podemos é retornar á normalidade anterior á Covid de masificación e sobrecarga por falla de persoal. Se hai unha lección que aprender da pandemia é que é fundamental máis e mellor sanidade pública”, remachou Prado.