O BNG de Vigo emenda as ordenanzas para demandar unha fiscalidade municipal socialmente máis xusta e axudar os sectores afectados pola crise

Xabier P. Igrexas

Presentan 44 emendas parciais demandando máis bonificacións e exencións para familias con poucos ingresos e para axudar o tecido comercial da cidade.

O BNG de Vigo emenda as ordenanzas para demandar unha fiscalidade municipal socialmente máis xusta e axudar os sectores afectados pola crise

O Bloque Nacionalista Galego formulou un total de 44 emendas parciais ás ordenanzas fiscais para o vindeiro exercicio 2022, nas que apostan por uns impostos e taxas municipais "socialmente máis xustos", a través do alargamento de bonificacións e exencións en favor das rendas máis baixas, e por axudar con rebaixas fiscais as actividades económicas que están a sufrir o impacto da crise derivada da pandemia.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu a necesidade de axustar a fiscalidade municipal ao actual contexto tendo en conta que hai "moitas familias traballadoras atravesando serias dificultades económicas".

Neste sentido, as propostas nacionalistas promoven o aumento das bonificacións e exencións para as rendas máis baixas, tomando como referencia o salario mínimo interprofesional, nos principais impostos e taxas do Concello de Vigo. Entre elas, Igrexas destacou a demanda de gratuidade do recibo da auga para aqueles núcleos familiares que subsisten cunha pensión non contributiva, a RAI, a Risga ou o Ingreso Mínimo Vital."Falamos de ingresos baixísimos que non garanten nin a subsistencia. Non ten sentido penalizalos co recibo da auga, cando se teñan consumos inferiores a 3 metros cúbicos por persoa e mes", explicou.

Outra das principais liñas das emendas do Bloque inciden en rebaixas fiscais destinadas ao pequeno comercio e o tecido empresarial afectado polos efectos da crise derivada da pandemia, para os que propoñen bonificacións extraordinarias. "O pequeno e mediano comercio de Vigo é o único das sete cidades que non recibiu nin un euro de axudas directas do Concello, polo que entendemos que o mínimo é que reducir a presión fiscal", argumentou Igrexas.

"As emendas do BNG son unha oportunidade para que o Goberno local rectifique e adecúe a imposición municipal á realidade social e económica da cidade, apostando por unha maior progresividade, para que quen menos ten pague menos, e brindado axuda ao tecido comercial e empresarial", sintetizou o portavoz municipal nacionalista.

[DESCARGA] RELACIÓN COMPLETA DAS EMENDAS

O BNG de Vigo emenda as ordenanzas para demandar unha fiscalidade municipal socialmente máis xusta e axudar os sectores afectados pola crise