O BNG reta a Marta Fernández-Tapias a demostrar a súa defensa de Vigo esixindo a fin do abandono da cidade nos orzamentos da Xunta
A fronte nacionalista reclama unha rectificación do goberno de Feixóo por rexeitar a totalidade das súas emendas, que recollían un aumento de 94 millóns para Vigo nas contas de 2022.
Xabier P. Igrexas: “Marta Fernández-Tapias ten que escoller entre defender Vigo ou seguir sendo a embaixadora do desgoberno de Feixóo na cidade”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de retar á nova presidenta local do PP e delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a que demostre “na práctica” a súa defensa da cidade e, polo tanto, reclame á Xunta que non vete o aumento de 94 millóns nas partidas destinadas a Vigo, tal como demanda a fronte nacionalista nas súas emendas aos orzamentos para 2022 e que foron rexeitadas polo Partido Popular. Un chamamento que ten lugar en vésperas da aprobación definitiva das contas da Xunta para o vindeiro ano, que está prevista para este martes no Pleno do Parlamento galego.
A fronte nacionalista realizou este envite diante das declaracións da delegada da Xunta onde proclamaba, tras resultar elixida esta fin de semana como presidenta local do PP, que na defensa de Vigo non lle ía gañar ninguén. “O que ten que facer Fernández-Tapias é pasar das palabras aos feitos e dirixirse de maneira inmediata á dirección do seu grupo parlamentar para esixirlle que rectifique os investimentos da Xunta na maior cidade do noso País”, declarou o portavoz municipal das nacionalistas en Vigo, Xabier P. Igrexas.
O concelleiro do BNG salientou os importantes déficits con Vigo que presentan as contas do goberno de Alberto Núñez Feixóo, como a posta en marcha “irrenunciábel” dun novo instituto en Navia; a necesidade dun plan de reindustrialización comarcal fronte á elevada taxa de desemprego en Vigo, con máis de 22.000 persoas no paro; a urxencia de reverter a política de privatización e recortes na sanidade viguesa, co rescate da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro e o inicio da absorción de Povisa na rede pública; ou os postergados proxectos do túnel de Xulián Estévez e a prolongación do de Beiramar, entre outras propostas do Bloque.
“Marta Fernández-Tapias ten que escoller entre defender Vigo ou seguir sendo embaixadora do desgoberno de Feixóo na cidade”, declarou Igrexas, que pediu á líder do PP vigués que "demostre que esa defensa de Vigo é moito máis que un eslogan preelectoral”.