O BNG de Vigo solicita que o Goberno municipal sancione a Vitrasa polas irregularidades no servizo
O Bloque critica que o alcalde se negue a recibir o Comité de Empresa e urxe a intervención do Goberno municipal para procurar unha saída acordada do conflito laboral.
Xabier P. Igrexas: “Non podemos tolerar que unha empresa que recibe millóns de euros do Concello de Vigo vulnere os dereitos do persoal e incumpra o prego da concesión”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de solicitar a apertura dun expediente sancionador contra Vitrasa diante dos graves incumprimentos e irregularidades no servizo de bus urbano de Vigo. A fronte nacionalista reclama que o Goberno municipal tome medidas polos recortes de liñas aplicado unilateralmente pola empresa aproveitando a folga, así como polos servizos mínimos, que foron declarados xudicialmente como ilegais por abusivos, o incumprimento dos tempos de descanso do persoal condutor e a existencia de contratos laborais irregulares. Así o anunciou publicamente o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após manter un encontro este martes co Comité de Empresa da concesionaria.
“Esiximos que o goberno de Abel Caballero pase da complicidade con Vitrasa a se colocar do lado da cidade e atender as lexítimas e razoábeis reivindicacións do persoal”, manifestou en rolda de prensa Igrexas, que reiterou a solicitude de que o Concello convoque unha reunión entre a dirección da empresa e a representación sindical para procurar unha saída acordada que, opinión do Bloque, só “pode pasar porque Vitrasa rectifique e respecte as demandas do persoal”.
Igrexas criticou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, se negue a recibir o Comité de Empresa e se “esconda de maneira covarde” cando “presume de que fala todo o tempo con todo o mundo”. O concelleiro nacionalista recordou que este non é un conflito privado, como defende o rexedor, ao falarmos dun servizo de titularidade municipal no que cada ano o Concello inxecta 13 millóns de euros das viguesas e vigueses para bonificar as tarifas.
Recortes e suspensión de liñas
O portavoz do BNG de Vigo denunciou os recortes e a suspensión de liñas que a concesionaria está a realizar aproveitando o conflito laboral, que acumula xa 15 xornadas de folga que se suman aos paros realizados en agosto e outubro.
Segundo datos facilitados pola representación sindical durante o encontro, Vitrasa acortou os percorridos das liñas 7, 8, 9A e 10, así como a suspensión das liñas C2 e 24. Decisións que prexudican gravemente á veciñanza, nomeadamente dos barrios e parroquias.
“Non sabemos se estes recortes, que deixan a moitas viguesas e vigueses sen servizo de bus urbano, contan ou non con autorización municipal, pero desde logo están inxustificados”, valorou Igrexas.
Igrexas volveu subliñar a “grave vulneración dos dereitos das traballadoras e traballadores” por parte do Goberno municipal por insistir nos actuais servizos mínimos, malia ter sido declarados pola xustiza como ilegais por abusivos.
Aliás, o Comité de Empresa sinalou as contratacións ilegais que a dirección de Vitrasa ten realizado durante este período para “reventar” o dereito fundamental de folga. “Uns incumprimentos que son de coñecemento claro por parte do goberno de Abel Caballero e fronte aos que non ten adoptado até o momento ningunha medida”, asegurou o portavoz das nacionalistas na cidade.
“Necesitamos que o Concello medie porque o conflito ten que solucionarse. A empresa está moi cómoda sen dar pasos e a única alternativa que temos é que actúe o alcalde de Vigo”, dixo pola súa parte o presidente do Comité de Empresa, Imanol Arnoso, dado que a dirección de Vitrasa, aclarou, non contacta coa representanción sindical desde hai máis de dez días.
Descansos insuficientes
A representación sindical de Vitrasa reiterou o incumprimento continuado dos descansos fixados por lei durante as xornadas laborais. Igrexas censurou que non se respecten estas pausas e que se computen os minutos que o autobús para no inicio de cada liña. Unha situación que afecta tanto a saúde laboral do persoal coma a seguridade das propias persoas usuarias do servizo. “Falamos do descanso de persoas que conducen autobuses que van cheos de xente con xornadas de como mínimo 10 horas ao día”, explicou.
“Sorprende que un goberno que se di progresista, liderado por unha forza que leva a palabra obreiro nas súas siglas e que está integrado por dúas persoas que foron secretarios comarcais de dous sindicatos, actúe deste xeito diante das esixencias do persoal de Vitrasa”, remachou o edil do BNG.