O BNG aposta en revitalizar a Fundación VIDE para que Vigo recupere ton como potencia deportiva
A fronte nacionalista mantivo un encontro aberto con representantes de diferentes sectores e clubs do deporte vigués para recoller as súas achegas e propostas
Xabier P. Igrexas: “O deporte vigués non pode ter no Concello un obstáculo, senón un grande trampolín”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo comprométese a revitalizar a Fundación VIDE do Concello de Vigo para que a cidade recupere ton como potencia deportiva. Así o trasladou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, nun encontro aberto con representantes do deporte vigués que se realizou esta tarde e no que tamén participou o candidato número tres da fronte nacionalista ás vindeiras eleccións municipais, Filipe Abalde.
“Se hai un ámbito onde se fai evidente a falla de xestión e de proxecto do actual Goberno municipal é no deporte”, lamentou Igrexas, afeando “o esmorecemento” que, na súa opinión, definen as políticas deportivas dos últimos anos.
O candidato nacionalista comprometeuse poñer en marcha de novo a Fundación Vigo Deporte (VIDE), como instrumento para estimular a práctica deportiva e brindar un maior apoio aos clubs deportivos, tanto de base como de alta competición.
“O deporte vigués non pode ter no Concello un obstáculo, senón un grande trampolín”, reclamou
Desde o Bloque denuncian que detrás da “pantalla de propaganda” a xestión deportiva do goberno de Caballero deixa un balanzo moi negativo no ámbito deportivo. “Hoxe temos menos clubs de alta competición dos que había en 2011. E a fundación VIDE está anémica, por falla de impulso e de recursos”, afirmou Igrexas, que sinalou que a fundación municipal para a promoción do deporte conta con menos da metade dos patrocinadores privados dos que había hai unha década, e grandes eventos como a Vigo Cup pasaron de 219 equipos competindo no 2011 a apenas 179, dez anos despois.
“O BNG xa demostramos o noso compromiso firme en favor do deporte cunha política municipal moi diferente da que hoxe se aplica por parte da concellaría de Deportes”, sinalou valorizando a acción de goberno do Bloque á fronte da área de Deportes no período 2007-2011.
Entre as medidas concretas que propoñen dentro da revitalización da Fundación VIDE está potenciar o programa Siareiros/as, duplicar o financiamento municipal para axudas a clubs e deportistas, incluír novas disciplinas deportivas na Vigo Cup para alén do fútbol e fútbol sala, aumentar a duración e número de prazas do Campus Polideportivo, e poñer en marcha a iniciativa “Vigo Cidade do Deporte” para referenciar a urbe como sede de grandes eventos deportivos.
Resetear a política deportiva
Pola súa banda, o candidato número 3 do Bloque ás vindeiras eleccións municipais e coordinador do grupo de traballo de Deportes da fronte nacionalista, Filipe Abalde, chamou a “resetear” as políticas deportivas do Concello de Vigo “promocionando o deporte en todos os ámbitos e en todas as idades”
“O BNG dicimos alto e claro que hai que prestar máis e mellor atención aos clubs, cunha maior colaboración por parte do Concello, a través do diálogo, a participación e a cooperación en lugar da políticas de prebendas e presións que hoxe padecen”, reclamou.
Un cambio de rumbo que para Abalde ten que comezar por poñer fin ao abandono das instalacións deportivas e ampliando os seus horarios de funcionamento. “Os clubs de Vigo, e os e as deportistas desta cidade non merecen un pavillón do Carme con pingueiras, nin campos sen luz como en Samil ou a ETEA, nin instalacións practicamente inutilizadas como as do pavillón de Romil, nin unhas pistas de atletismo que caen literalmente a cachos polo abandono e as promesas incumpridas do Concello e a Xunta”. “O deporte vigués merece máis, moito máis”, remachou.