O BNG de Vigo reclama facer do feminismo unha prioridade política todo o ano e non só unha consigna o 8M
A fronte nacionalista presenta na cidade a súa campaña polo Día Internacional da Muller Traballadora baixo o lema 'Imos estar aquí o 8M e os 365 días do ano'
Chama a participar de forma masiva na manifestación convocada en Vigo (20h, Praza dos Cabalos) para enviar unha mensaxe en favor de compromisos efectivos coa igualdade
Carmela González: “Non abonda con poñer un lazo lilá o día 8 de marzo, o BNG levamos postos os lentes lilás todo o ano”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo reclama facer das políticas feministas unha “verdadeira” prioridade política durante todo o ano e non só unha consigna para o 8M. A fronte nacionalista vén de presentar na cidade a súa campaña polo Día Internacional da Muller Traballadora baixo o lema 'Imos estar aquí o 8M e os 365 días do ano', coa que reivindican unha loita pola igualdade máis alá de datas sinaladas.
“Non abonda con poñer un lazo lilá o día 8 de marzo”, salientou a deputada do BNG no Parlamento galego e responsábel local da fronte en Vigo, Carmela González, que denunciou como “moitas institucións públicas e entidades privadas conmemoran o 8 de marzo con actos e accións simbólicas, mais sen ningún tipo de compromiso real”.
González pediu pasar das declaracións a tomar medidas concretas na loita contra todas as formas de violencia machista. “O BNG levamos postos lentes lilás todos os días do ano”, defendeu, de vez que afeou a falla de compromisos do Concello de Vigo por destinar hoxe máis recursos a gastos de protocolo e outras actuacións aparenciais que a desenvolver políticas en prol da “igualdade real e efectiva”. Do mesmo xeito, reprochou a “inacción deliberada” da Xunta de Galiza nesta materia.
A deputada nacionalista avanzou que esta campaña do BNG vai ser “viva” durante os próximos 12 meses. “Cada mes haberá denuncias sobre as distintas formas de desigualdade. Mais tamén alternativas e propostas para construír unha sociedade máis xusta na que as mulleres sexamos verdadeiramente iguais”, explicou.
Desde o Bloque fixeron tamén un chamamento a participar de forma masiva na manifestación convocada este 8 de marzo polas organizacións feministas en Vigo (20h, Praza dos Cabalos) para enviar unha mensaxe en favor de compromisos efectivos coa igualdade, recuperando así o seu significado orixinal este día como unha data de combate e reivindicación.
Coloquio Mulleres na cultura
Como parte das actividades do Día Internacional da Muller Traballadora, o BNG organiza un coloquio aberto baixo o título ‘Mulleres na cultura’. Participarán representantes do ámbito cultural como Malores Villanueva (crítica literaria e escritora), Cristina Domínguez (directora teatral), Anxos Fazáns (directora de cinema) e Rosa García (escultora), presentadas pola número 2 da candidatura do BNG de Vigo e responsábel local de Cultura, Ana Martínez. Terá lugar o sábado 11 de marzo na Contenedora (rúa Eduardo Iglesias, 11) ás 12 horas.