O BNG propón un ‘plan de choque’ para dotar Vigo de 300 vivendas en alugueiro social antes de final de ano
A fronte nacionalista urxe actuar ante o “gravísimo” problema da vivenda na cidade e afea que o goberno de Abel Caballero non teña promovido ningún inmóbel tras prometer en 2007 que construiría 6 mil vivendas protexidas
Xabier P. Igrexas: “A única política de vivenda do Goberno municipal foi malvender os pisos de Rosalía de Castro e facer caixa dos desenvolvementos urbanísticos”
O Bloque Nacionalista Galego propón un ‘plan de choque’ para dotar Vigo de 300 vivendas en réxime de alugueiro social a prezos asequíbeis antes de final de ano. A fronte nacionalista urxe actuar ante o “gravísimo” problema da vivenda na cidade e afea que o goberno de Abel Caballero non teña promovido ningún inmóbel tras prometer en 2007 que construiría 6 mil vivendas protexidas.
“O Goberno municipal non pode seguir ollando para outra parte”, esixiu o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que subliñou que a cidade ten os prezos máis caros de toda Galiza (segundo datos oficiais recentes do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana), con incrementos de máis dun 40% nos últimos anos e baixo a crecente presión dos pisos turísticos, que superan xa a oferta de vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial.
Igrexas lamentou que este contexto “insoportábel” faga que “cada vez máis familias traballadoras, e especialmente a mocidade, non se poidan permitir literalmente o luxo de viviren en Vigo”, mentres na cidade hai 18.500 pisos baleiros
Nese sentido, asegurou que a proposta nacionalista permitiría aumentar a oferta de vivendas en réxime de alugueiro e, en consecuencia, promover unha rebaixa xeneralizada dos prezos.
De cara a poñer en marcha estas 300 vivendas en alugueiro social, o candidato do BNG de Vigo detallou dúas medidas concretas. Por un lado, a negociación coa Sareb, participada de forma maioritaria por capital público, para a cesión urxente ao Concello das 200 vivendas das que é titular o ‘banco malo’ na cidade, entre elas 155 na promoción da rúa Aragón a piques de rematar. Por outro, rehabilitando e equipando 100 vivendas desocupadas con fondos municipais para destinalas a alugueiro social como mínimo durante unha década.
Cero vivendas do goberno de Abel Caballero
O concelleiro nacionalista afeou a falla de respostas por parte do Goberno municipal durante os catro mandatos de Abel Caballero no Concello. “A única política de vivenda do actual Goberno municipal foi malvender as vivendas municipais de Rosalía de Castro e facer caixa dos desenvolvementos urbanísticos”, criticou Igrexas, que reiterou a petición de que estes aproveitamentos se destinen a poñer en marcha un parque municipal de vivenda social.
Criticou así o recente “anuncio de precampaña” do alcalde de desenvolver 27 vivendas en Esturáns. “Non vai ocultar que Abel Caballero incumpriu a súa promesa do ano 2007 de que ía dotar a cidade con 6 mil vivendas protexidas, das que 16 anos despois non fixo nin unha soa”, remachou.