O BNG revólvese contra os feches de camas nos hospitais de Vigo e esixe o reforzo da Atención Primaria cara ao verán
A deputada e portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, presentou unha batería de iniciativas no Parlamento galego para esixir explicacións sobre a negociación dun novo contrato millonario con Povisa mentres se manteñen inoperativas 255 camas públicas.
Xabier P. Igrexas: “A día de hoxe xa hai centros de saúde nos que hai que agardar moitos días e semanas para lograr unha primeira cita telefónica. Non podemos permitir que se reduza inda máis a capacidade de atención no verán”
O Bloque Nacionalista Galego levará ao Parlamento galego a decisión do Sergas, denunciada por CIG-Saúde, de proceder fechar máis camas nos hospitais do Meixoeiro e do Álvaro Cunqueiro durante o verán, ao tempo que se estaría a negociar un novo contrato millonario para derivar intervencións a Povisa.
A deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, rexeitou a decisión da xerencia do CHUVI de fechar 75 camas no HAC e outras 60 no Meixoeiro, e que se engaden ás 120 camas hospitalarias que de maneira permanente inactivas. “Falamos de ter 255 camas inoperativas durante o verán nos hospitais vigueses”, denunciou.
Prado cargou contra a negociación aberta polo Sergas para derivar máis intervencións cirúrxicas ao hospital privado Povisa, a través dun novo contrato millonario, ao tempo que reduce a capacidade de atención da rede hospitalaria pública. “É inaceptábel que o Sergas en lugar de dedicar estes recursos á sanidade pública, opte por deixala baixo mínimos mentres destina millóns de euros a unha multinacional privada como o grupo Ribera Salud, propietario de Povisa”, afirmou.
Desde o Bloque lembran que Povisa xa recibe 80 millóns de euros ao ano para atender 140 mil persoas da área sanitaria de Vigo. “A pesar desta inxente cantidade de recursos rematou 2020 con 2.911 persoas nas listas de espera cirúrxica e con tempos de espera superiores aos hospitais públicos”, subliñan.
A través das súas iniciativas, Prado reclama ao Sergas que se destine os recursos adicionais a reforzar a atención hospitalaria pública. A deputada nacionalista demanda información transparente sobre as derivacións do Sergas a centros sanitarios privados, así como que se lle esixa a Povisa un plan para reducir as listas de agarda e a realización dunha auditoría do concerto especial asinado co Sergas.
Abandono Atención Primaria
Para alén do denunciado en relación ao feche de camas hospitalarias, o BNG tamén amosou a súa “enorme preocupación” pola situación da Atención Primaria en Vigo. O concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, advertiu do “risco real” de que o Sergas volva aplicar novos recortes durante os meses de verán que “agravarán a situación límite que atravesan os centros de saúde”.
“Os efectos da pandemia, pero tamén as consecuencias dos continuados recortes sanitarios aplicados polo Partido Popular, colocaron a Atención Primaria ao borde do colapso. A día de hoxe xa hai centros de saúde nos que hai que agardar moitos días e semanas para lograr unha primeira cita telefónica. Non podemos permitir que se reduza inda máis a capacidade de atención no verán”, explicou Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista enfatizou sobre todo a gravidade no que ten a ver coa atención pediátrica. “Xa temos a experiencia de anos anteriores, nos que o Partido Popular decretou que as crianzas dalgunhas parroquias da cidade non poden enfermar no verán, retirándolles a atención pediátrica dos seus centros de saúde e derivándoas a outros que xa están saturados”, alertou.
Emporiso, Igrexas avogou por evitar que un verán máis a Xunta “abandone á súa sorte a Atención Primaria”, e esixiu que se lle dote dos reforzos e do persoal necesario para garantir unha adecuada atención sanitaria.