O BNG de Vigo pide alargar a exención da taxa do lixo a todos os comercios da cidade
A fronte nacionalista volve urxir o Goberno municipal a poñer en marcha liñas de axuda directas aos sectores económicos máis castigados, como a hostalaría, o comercio ou perruquerías e salóns de beleza.
Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir sendo a única cidade galega que non ten destinado nin un só euro en axudas directas”
Tras o anuncio feito no día de onte polo alcalde de Vigo de aplicar unha exención total na taxa da recollida do lixo a todos os estabelecementos da hostalaría e lecer nocturno na cidade, o Bloque Nacionalista Galego vén de demandar ao rexedor a extensión desta medida ao conxunto do sector comercial. Desde a fronte nacionalista insisten na necesidade de que se poñan en marcha liñas de axuda directa por parte do Concello en favor dos sectores máis afectados pola crise.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, valorou que a exención da taxa do lixo anunciada por Caballero “vai na boa dirección pero é absolutamente insuficiente”. Igrexas reclamou estendela “a todo o sector comercial que atravesa tamén desde o inicio da pandemia unha situación crítica”. “Non ten sentido deixar fóra desta medida os pequenos e medianos comercios da nosa cidade”, reprochou.
Desde o Bloque lembran que xa no inicio da pandemia demandaron que o Goberno municipal despregase unha Estratexia Local de Promoción Económica e do Emprego, que incluíse, entre outros, un programa de axudas directas en favor do sector comercio, da hostalaría e das perruquerías e salóns de beleza dotado como mínimo con 10 millóns de euros. Unha medida que foi rexeitada reiteradamente e de maneira “inexplicábel”, segundo Igrexas, por parte do executivo de Abel Caballero
“Non podemos seguir sendo a única cidade galega que non ten destinado nin un só euro en axudas directas en favor de sectores que representan un número moi importante de postos de traballo e de actividade económica para a cidade”, demandou Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista urxiu o Goberno local “a actuar con decisión para evitar ver máis persianas baixadas e máis locais co letreiro de alúgase ou véndese por cesamentos de actividade”.