O BNG rexeita acudir á entrega da Medalla de Ouro de Vigo polo uso partidista de Caballero da máxima distinción da cidade
A fronte nacionalista cuestiona a Medalla para Isabel Pardo de Vera, secretaria de Estado de Transportes do PSOE, poucos días despois de presentar un proxecto de Orzamentos Xerais que renuncia a desenvolver a saída sur ferroviaria e unha rede de cercanías
Lamenta que esta decisión unilateral do rexedor deixe sen recoñecemento ás loitas obreiras de 1972, no seu 50 aniversario, tal como propuxera o BNG e outras organizacións sociais e sindicais da cidade
Xabier P. Igrexas: «Non imos ser cómplices dun alcalde que utiliza as distincións da cidade para lamber a bota do seu goberno en Madrid, que insiste en non atender as necesidades da maior cidade de Galiza»
O Bloque Nacionalista Galego rexeita acudir este venres ao acto institucional de entrega da Medalla de Ouro de Vigo á secretaria de Estado de Transportes do PSOE, Isabel Pardo de Vera, polo uso partidista do alcalde da máxima distinción da cidade. A fronte nacionalista cuestiona o outorgamento a Pardo de Vera poucos días despois da presentación do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado 2023 que renuncia a desenvolver as principais infraestruturas ferroviarias, entre elas a saída sur e unha rede de cercanías.
«É un acto descarado de mansedume e obediencia á Moncloa que resulta especialmente ofensivo cando pretende premiar a unha secretaria de Estado de Transportes dun Goberno español de PSOE e Unidas Podemos que insiste no total abandono ferroviario da área de Vigo», criticou o concelleiro do BNG e candidato á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que explicou que as nacionalistas toman esta decisión por «esencial decencia democrática».
Igrexas subliñou que o BNG non vai ser «cómplice» de Abel Caballero na utilización partidista das distincións da cidade para «lamber a bota do seu goberno en Madrid que insiste en non atender as necesidades da maior cidade de Galiza»
Nese sentido, asegurou que Pardo de Vera non merece este recoñecemento despois de constatar no proxecto de Orzamentos do Estado a nula aposta do Executivo de Pedro Sánchez polas infraestruturas de Vigo.
«O BNG non cremos que sexa de medalla que o Goberno español de PSOE e Unidas Podemos decida destinar menos de 30 mil euros a un proxecto estratéxico e irrenunciábel como a conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto», denunciou o edil nacionalista, que criticou tamén a falla de investimentos para a posta en marcha dunha rede de cercanías que vertebre a área metropolitana ou para mellorar o «insuficiente» servizo de media distancia.
Sen recoñecemento ás loitas obreiras do 72
O candidato do Bloque en Vigo lamentou que esta decisión «unilateral» de Caballero deixe sen recoñecemento ás loitas obreiras e á folga de setembro de 1972, que este ano cumpren o seu 50 aniversario, tal como propuxera o BNG e outras organizacións sociais e sindicais.