O BNG urxe a remodelación integral das pistas de atletismo de Balaídos

pistas

Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir así, cos nosos e as nosas deportistas tendo que adestrar en pésimas condicións ou facelo fóra de Vigo”.

A fronte nacionalista lembra que Xunta e Concello acordaron en 2009 a remodelación das instalacións e reclama que cooperen para facelo realidade.

O BNG urxe a remodelación integral das pistas de atletismo de Balaídos

A retirada da xaula de lanzamento após varias semanas inutilizada é para o Bloque Nacionalista Galego o "último exemplo do total abandono que padecen as pistas de atletismo de Balados", segundo apuntou esta mañá o concelleiro da formación nacionalista, Xabier P. Igrexas. O edil lembrou que o BNG demandara xa en maio do ano pasado a necesidade de instalar unha nova xaula sen que o Goberno municipal atendese a petición dos seus usuarios e usuarias.

Igrexas reclamou que tanto Xunta de Galiza como Concello de Vigo abandonen "a lea permanente" e que pola contra comecen a cooperar para facer unha realidade a prometida reforma integral das pistas.

 Nese sentido, denunciou que o estado "lamentábel" das instalacións engádese a falla dunha mellora urxente das súas dotacións para atender as demandas dos e das atletas e iso, na súa opinión, non pasa por "novos parches". "Vigo ten formado atletas de talla olímpica e non podemos seguir cunhas instalacións tan deficientes", reclamou.

A fronte nacionalista demanda unha "aposta a serio polo deporte" que debe tamén concretarse nunha actuación ambiciosa nas pistas de atletismo, as únicas habilitadas na cidade, que unicamente require o compromiso dos gobernos municipal e galego.

"Hai dez anos que ambas as dúas administracións formalizaron o seu acordo para dotar a Vigo dunhas novas pistas, en 2014 subscribiuse un novo convenio, pero todo ficou en papel mollado. Non podemos seguir así, cos nosos e as nosas deportistas tendo que adestrar en pésimas condicións ou facelo fóra de Vigo", advertiu Igrexas.

O BNG urxe a remodelación integral das pistas de atletismo de Balaídos