O BNG de Vigo pide unha sesión extraordinaria e urxente do Consello Social do Concello para fixar unha "posición firme de cidade" en defensa do sector naval
Xabier P. Igrexas alerta da situación de emerxencia que vive o sector e singularmente Vulcano e Barreras.
Diante da "situación de emerxencia" que atravesa o sector naval de Vigo, con Vulcano fechado ao borde da súa desaparición e con Barreras nun "momento crítico", o Bloque Nacionalista Galego solicitoulle formalmente esta mañá ao alcalde a convocatoria dunha sesión extraordinaria e urxente do Consello Social da Cidade.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou en rolda de prensa a importancia da construción naval para a cidade olívica, así como para a comarca e o conxunto do País, destacando que se trata dun "sector absolutamente estratéxico" que chegou a representar máis de 10 mil postos de traballo fronte aos menos de 2 mil actuais.
Desde a fronte nacionalista entenden que a situación de Vulcano e de Barreras, engadido ao difícil momento que atravesa a industria auxiliar por falla de carga de traballo e as débedas que teñen contraídas os estaleiros, debe facer "disparar todas as alarmas". Nese sentido, advirten de que é real o risco de que Vulcano poida desaparecer definitivamente após cen anos de actividade e de que non hai "garantías claras" para o futuro de Barreras que podería finalmente entrar en concurso, "con consecuencias imprevisíbeis" a inicios do mes de febreiro.
Posición de cidade
O portavoz municipal nacionalista asegurou que é o momento de "definir unha posición firme de cidade en defensa do sector naval", tecendo o máis amplo consenso social, político e institucional para esixir que os gobernos galegos e español tomen medidas urxentes para asegurar a continuidade de Barreras, de Vulcano e do conxunto do sector.
O BNG rexistrou unha solicitude dirixida ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para que convoque unha reunión urxente e extraordinaria do Consello Social da cidade, no que están representados partidos políticos, axentes sociais e económicos, para articular unha fronte común de defensa do sector naval. Con ese obxectivo, Igrexas defende que é necesario que o Consello Social da Cidade, como máximo organismo consultivo do Concello de Vigo e no que están representados sindicatos, organizacións empresariais e os diferentes sectores, se reúna para dar unha resposta unitaria como xa se fixera, con éxito, en 2011 perante a ameaza que nesa altura supuña a crise do "tax lease".
“Queremos que o Consello Social poña ao Concello á fronte desta reivindicación, e que se adopten os acordos necesarios para facer a mellor defensa do naval. Non podemos permanecer impasibles, porque Vigo, a súa comarca e o País non se poden permitir a desaparición deste sector”, resumiu o concelleiro do BNG.
A fronte nacionalista xa lle fixo chegar a súa solicitude ás restantes forzas políticas con representación municipal así como aos colectivos, entidades e institucións que fan parte do Consello Social demandando que secunden a súa petición.