O BNG urxe a Xunta a cesar nos recortes nos colexios públicos de Vigo e atender as demandas da comunidade educativa
A fronte nacionalista esixe o Goberno galego que escoite as peticións das ANPAs e dos equipos docentes, entre outros, do Centro de Educación Especial Saladino Cortizo, do CEIP Castelao de Navia e do CEIP Paraixal de Teis.
Xabier P. Igrexas: “A Consellaría de Educación está aproveitando esta paulatina volta á normalidade para impoñer máis e máis recortes contra o ensino público da nosa cidade”.VIGO, 25 de outubro 2021.- O Bloque Nacionalista Galego urxiu este luns a Xunta a que cese coa súa política de recortes educativos e esixiu que a Consellaría de Educación atenda as demandas dos centros públicos da cidade de Vigo. A fronte nacionalista reiterou o seu completo apoio “as lexítimas, razoábeis e xustas reivindicacións” por parte das ANPAs e dos equipos docentes.
Entre as peticións da comunidade educativa, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, solicitou que se restitúa a “figura esencial” da traballadora ou traballador social no Centro de Educación Especial Saladino Cortizo. Solicitou tamén que a Xunta dispoña dos medios necesarios para a atención do alumnado de necesidades especiais no CEIP Castelao de Navia.
Nesa liña, demandou que se atendan as reclamacións de diferentes centros da cidade a respecto de dotalos con maior profesorado e docentes especializados, como no caso do CEIP Paraixal de Teis, que precisa entre outros dun reforzo en materia de audición e linguaxe.
“Non só se suprimiron os reforzos que se despregaran con motivo da Covid-19, a Consellaría de Educación está a aproveitar esta paulatina volta á normalidade para impoñer de novo máis e máis recortes contra o ensino público”, denunciou Igrexas, que subliñou que a día de hoxe hai menos docentes nos centros públicos de Vigo do que había no ano 2019.
Desde o BNG manifestaron, en palabras do concelleiro nacionalista, o seu “completo apoio as ANPAs dos centros afectados, ao conxunto das familias, ao alumnado máis tamén o profesorado, ao conxunto do equipo docente dos centros públicos que están a poñer o mellor de si propias a pesar de non contar co apoio da Consellaría de Educación”.