O BNG de Vigo demanda que a Oficina Municipal do Consumidor ofreza protección fronte aos abusos das eléctricas
As nacionalistas propoñen que este organismo asesore ás persoas consumidoras con dificultades para afrontar a acumulación de facturas que están a practicar as empresas.
Xabier P. Igrexas: “Sería un instrumento moi importante para abrigar e dar apoio público aos fogares que están nunha situación de desprotección diante deste tipo de abusos”.
VIGO, 28 de outubro 2021.- O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar que a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) despregue unha actuación específica de información e asesoramento a aquelas familias e fogares de Vigo afectados polos novos abusos das compañías eléctricas. Desde a fronte nacionalista, que realizou esta proposta no último Pleno municipal, denuncian que nos últimos meses un número importante de fogares na nosa cidade non están a recibir a factura correspondente co consumo mensual.
Unha dilación que está a provocar a acumulación de recibos e, por tanto, un desequilibrio económico nas contas das familias con “importes elevadísimos que, sobre todo aquelas con menos recursos, teñen dificultades para encarar”, explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. “Trátase dun abuso máis por parte dun sector eléctrico, dunha empresas comercializadoras e subministradoras, que están absolutamente botadas ao monte”, criticou.
Desde o BNG sinalan que esta medida só “depende da vontade política”, malia que desde o Goberno municipal aínda non ofreceron ningunha resposta. “Sería un instrumento moi importante para abrigar desde o ámbito local, para dar apoio público a aqueles fogares que están nunha situación de desprotección diante deste tipo de abusos”, salientou Igrexas.
Este novo abuso, con especial incidencia despois do véran, vén a sumarse ao incremento paulatino dos prezos da electricidade nos últimos meses. Nese sentido, as nacionalistas criticaron “a acción impotente do Goberno español de PSOE-Unidas Podemos á hora de despregar unha verdadeira intervención que poña en cintura o sector eléctrico e que garanta o acceso universal a este subministro esencial”.