O BNG afea o veto de Caballero a unha declaración institucional en defensa de Vigo como porto nodal
A fronte nacionalista denuncia o bloqueo dunha iniciativa para demandar no Pleno accións do Goberno español ante a exclusión do porto vigués na última revisión da rede transeuropea
Xabier P. Igrexas: “É lamentábel ver como máis unha vez Caballero demostra a súa obediente submisión á Moncloa e Ferraz, antepoñendo os intereses de partido aos da cidade”
O Bloque Nacionalista Galego afea o veto de Abel Caballero a unha declaración institucional en defensa de Vigo como porto nodal. A fronte nacionalista denuncia o bloqueo do Goberno municipal a unha iniciativa para demandar no Pleno accións do Goberno español ante a exclusión da terminal viguesa na última revisión da Rede Transeuropea de Transporte.
“Estamos diante dun novo exemplo de subordinación do PSOE de Caballero ao seus xefes en Madrid”, criticou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lamentando que os socialistas non deran ningún argumento na Xunta de Portavoces celebrada este luns para xustificar este veto a unha iniciativa para defender o futuro do porto vigués.
A declaración do BNG, enmarcada nunha ofensiva institucional nacionalista para lograr a inclusión de Vigo como porto nodal, demandaba que o Goberno español exerza todas as accións para promover a revisión a nivel comunitario dos criterios actuais e despregar medidas de apoio adicional á terminal portuaria viguesa para compensar a perda de oportunidades e de acceso a financiamento.
Nese sentido, Igrexas cualificou de “inxusta” a exclusión de Vigo no marco dun proceso onde “sorprendentemente” o Ministerio de Transportes do Goberno de España decidiu apostar polos portos de Santander e Castelló, malia que Portos do Estado si defendía a candidatura viguesa e dos niveis parellos de tráfico portuario coa terminal cántabra.
“É lamentábel ver como máis unha vez Caballero demostra a súa obediente submisión á Moncloa e Ferraz, antepoñendo os intereses do seu partido aos da cidade”, remachou Igrexas sobre o veto á proposta de declaración institucional do BNG de Vigo.
Vigo reúne as características de porto nodal
O portavoz municipal do Bloque lembrou que a terminal viguesa é a de maior relevancia a nivel pesqueiro tanto no conxunto do Estado como da Unión Europea, sendo ademais a primeira en Galiza en tráfico de contedores e mercadorías e superando en tráfico de vehículos a terminais como Barcelona e Valencia. De feito, destacou, este ano marcou un fito histórico ao superar os 5 millóns de toneladas de tráfico total.
“O porto de Vigo constitúese nun axente produtivo e económico de primeira magnitude, cun impacto estratéxico na área de Vigo, a de maior dinamismo do conxunto da Galiza”, salientou Igrexas, considerando que o porto vigués reúne características obxectivas e acreditadas para ser porto nodal como un crecemento sostido, dispor dunha estratexia de especialización e un crecente compromiso no ámbito da sustentabilidade, e contar con excelentes conexións marítimas e terrestres nunha localización xeográfica privilexiada.
Sobre a revisión dos criterios, dende o BNG chamaron ao Goberno español a ter en conta a tipoloxía dos tráficos e o seu valor engadido fronte ao actual sistema que estima só o volume total, unha demanda recorrente da propia comunidade portuaria. “Vigo destaca naqueles tráficos de maior valor como automóbiles ou pesca”, afirmou Igrexas.
Dende o Bloque consideraron que a condición de porto nodal suporía “importantes beneficios” para o porto de Vigo, reforzando a súa visibilidade e referencialidade nas rotas loxísticas internacionais e consolidando a súa condición de referente marítimo europeo co efecto tractor que iso tería en termos de atracción de investimentos, carga de traballo e xeración de emprego. Aliás, habilitaría tamén o acceso a liñas de financiamento específicas que contan cunha dotación 21 mil millóns de euros até 2030.