O BNG avanza unha ofensiva institucional contra a “inxusta” exclusión de Vigo como porto nodal
A fronte nacionalista anuncia iniciativas no Congreso e unha declaración institucional no Concello para demandar explicacións do Goberno español, unha revisión dos criterios para a designación e medidas para compensar os prexuízos desta exclusión
Néstor Rego: “Esta decisión resulta incomprensíbel tendo en conta que o porto de Vigo é a terminal máis relevante a nivel pesqueiro no conxunto do Estado e na Unión Europea”
Xabier P. Igrexas: “A condición de porto nodal suporía importantes beneficios para Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego avanza unha ofensiva institucional contra a “inxusta e inxustificada” exclusión de Vigo como porto nodal na última revisión da Rede Transeuropea de Transporte. A fronte nacionalista anuncia iniciativas no Congreso e unha declaración institucional no Concello para que demandar explicacións do Goberno español, unha revisión dos criterios de designación e medidas para compensar os prexuízos desta exclusión.
“Esta decisión resulta incomprensíbel cando o porto de Vigo reúne todos os requisitos e tendo en conta que é o máis relevante a nivel pesqueiro no conxunto do Estado e na Unión Europea”, denunciou o portavoz e deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembrando que a terminal viguesa lidera tamén o tráfico estatal de vehículos, por riba de portos como Barcelona e Valencia, e a maior galega en contedores e mercadorías.
Por estes motivos, o Bloque vai trasladar ao Congreso iniciativas para que o Ministerio de Transportes explique os motivos da exclusión de Vigo desta rede básica de transporte, malia contar co aval de Portos do Estado, así como coñecer que medidas vai adoptar o Goberno español para garantir a súa inclusión na seguinte revisión europea.
Aliás, a fronte nacionalista chama a modificar os criterios actuais de selección para que se valore tamén a tipoloxía das mercadorías e non só o total de toneladas que move a terminal. “No caso do porto de Vigo temos algunhas mercadorías de maior valor engadido como os vehículos e a pesca”, defendeu Rego.
Medidas de compensación
O BNG demanda do mesmo xeito coñecer se o Goberno español vai despregar algunha medida de apoio adicional para compensar os prexuízos para a terminal viguesa, tanto pola perda de oportunidades como de acceso a financiamento. “A condición de porto nodal suporía importantes beneficios, reforzando a súa visibilidade nas rotas loxísticas internacionais”, defendeu na mesma liña o voceiro municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Declaración institucional no Concello
Igrexas afeou que esta exclusión supoña a perda de investimentos, carga de traballo e xeración de emprego na cidade. “A condición de porto nodal habilitaría tamén o acceso do porto de Vigo a liñas de financiamento específicas que contan cunha dotación 21 mil millóns de euros até 2030”, lamentou.
Diante desta situación, a fronte nacionalista vén de trasladar unha declaración institucional para a súa aprobación no vindeiro Pleno municipal co obxectivo de expresar o “absoluto apoio” do Concello a que o porto de Vigo teña a condición de porto nodal a nivel europeo.