O BNG de Vigo denuncia que o Goberno municipal segue sen aclarar a desaparición do lavadoiro histórico da Barroca

Lavadoiro da Barroca
Localización do lavadoiro da Barroca

A fronte nacionalista continúa, doce días despois, sen recibir resposta oficial á súa denuncia e anuncia que lle darán traslado á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta

Xabier P. Igrexas: “Estamos diante dun exemplo insultante do profundo desprezo do Goberno de Caballero co patrimonio cultural da nosa cidade, onde as obras dunha urbanización VIP como a do Barrio do Cura poden arrasar con pezas singulares e de alto valor histórico”

O BNG de Vigo denuncia que o Goberno municipal segue sen aclarar a desaparición do lavadoiro histórico da Barroca

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que, doce días despois da súa denuncia pública, o Goberno municipal de Vigo continúa sen dar explicacións sobre a desaparición do lavadoiro de Poboadores e dos danos detectados na fonte da Barroca.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, solicitou o pasado doce de decembro que se lle facilitase toda a información e acceso a toda a documentación relativa á retirada deste ben catalogado que conta con especial protección ao abeiro do PEPRI do Casco Vello.

No entanto, malia que o regulamento orgánico do Pleno fixa un prazo máximo de cinco días naturais para atender as solicitudes de información de membros da Corporación, o executivo de Abel Caballero inda non deu resposta. Tampouco contestou á interpelación formulada polo BNG na última Comisión Informativa de Patrimonio Histórico. “Este silencio oficial só engade máis preocupación e alarma”, afirmou Igrexas.

“Doce días despois da denuncia pública feita polo BNG continuamos sen saber porque foi retirado o lavadoiro, se esa actuación contou con autorización e supervisión do Concello, e o que é máis importante a día de hoxe descoñecemos onde están as pezas do lavadoiro, en que estado de conservación e cando van ser restituídas”, lamentou. 

Vista do lavadoiro histórico antes da súa retirada
Vista do lavadoiro histórico antes da súa retirada

Para o portavoz municipal nacionalista estes feitos son “un exemplo insultante do profundo desprezo do Goberno de Caballero co patrimonio cultural da nosa cidade, onde as obras dunha urbanización VIP como a do Barrio do Cura poden arrasar con pezas singulares e de alto valor histórico”, como son o lavadoiro de Poboadores e a fonte da Barroca, que é a máis antiga da cidade.

Denuncia na Xunta

Diante desta situación, a fronte nacionalista vai volver esixir ao Goberno local que se lles facilite de inmediato toda a información e documentación, advertíndolle expresamente ao responsabilidades xurídicas de lles negar un dereito fundamental. 

Alías, Igrexas anunciou que darán traslado da denuncia á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza, co obxectivo de que exerza as súas competencias de tutela e protección.
 

O BNG de Vigo denuncia que o Goberno municipal segue sen aclarar a desaparición do lavadoiro histórico da Barroca