O BNG pon en valor en Vigo o acordo de investidura con compromisos como o tren de cercanías e a Saída Sur
O portavoz no Congreso, Néstor Rego, defende a importancia do BNG nas Cortes para que as necesidades de Galiza e Vigo conten con voz e forza no Estado
Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses poden ter a certeza de que Néstor Rego e Carme da Silva van ser a garantía de que os intereses de Vigo se fagan valer en Madrid”
O Bloque Nacionalista Galego pon en valor o acordo de investidura con compromisos para Vigo como a posta en marcha dun tren de cercanías e a axilización da Saída Sur para a conexión de alta velocidade con Porto. Así o defenderon o deputado no Congreso, Néstor Rego, e o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, nun acto celebrado este venres na cidade para explicar o traballo nacionalista nas Cortes do Estado.
“En campaña electoral comprometémonos a defender os intereses da Galiza e de Vigo en Madrid e a ser muro de contención contra a dereita e a ultradereita, e cumprimos as dúas”, subliñou Rego, que advertiu de que a fronte nacionalista vai ser “exixente” co Goberno español á hora de garantir o cumprimento de todas as medidas acordadas.
O voceiro nacionalista no Congreso asegurou que máis unha vez quedou demostrada a importancia de contar cunha forza política propia para que as necesidades das galegas e galegos conten con voz no Congreso fronte á actitude “submisa” das e dos deputados dos partidos estatais. Nese sentido, salientou os compromisos recollidos no acordo de investidura que, de non ser pola representación do Bloque, non estarían hoxe sobre a mesa.
Entre eles, Rego destacou os avances acordados en materia de mobilidade, nomeadamente na mellora das conexións ferroviarias da cidade coa posta en marcha dunha rede de tren de cercanías que conecte a área de Vigo coa de Pontevedra antes do remate da lexislatura, coa axilización da alta velocidade con Portugal a través da Saída Sur cara o ano 2030, coa recuperación das frecuencias recortadas no servizo de Medio Distancia e co impulso do Corredor Atlántico. Aliás, puxo en valor a nova rebaixa das peaxes na AP-9 fronte ao “calote” que supón a concesión Audasa para moitos vigueses e viguesas.
Compensación da débeda e autogoberno
O deputado da fronte nacionalista trasladou outras medidas positivas que conseguiu o BNG para Galiza, como a compensación da débeda de forma análoga a outras comunidades, o avance en políticas sociais como a suba das pensións mínimas e o financiamento da Lei de Dependencia, así como avances na transferencia de competencias e maior autogoberno.
Sobre estas últimas cuestións, Rego anunciou un traballo intenso nas Cortes para poñer fin á “discriminación” que sofre Galiza no sistema de financiamento autonómico e local. “O modelo actual é obsoleto, escapa de realidades como a galega e non garante o noso dereito a ter os mesmos servizos e as mesmas infraestruturas”, valorou, asegurando que esta lexislatura é chave para reverter esta situación.
Na mesma liña, defendeu a urxencia de avanzar no autogoberno fronte á “incapacidade” demostrada pola Xunta de Galiza. Así, o acordo de investidura asinado polo BNG, explicou o portavoz do BNG no Congreso, recolle a transferencia de todas as competencias pendentes no Estatuto de Autonomía, despois de 14 anos de Goberno do PP sen conseguir ningunha.
Defensa de Vigo
De por parte, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, puxo en valor que fronte á “mansedume e obediencia das forzas estatais coas súas matrices en Madrid” a representación do BNG no Congreso e no Senado, “volverá ser a verdadeira representación do pobo galego en Madrid pero tamén unha enérxica voz e un voto determinante para defender os intereses da cidade de Vigo”.
“Na pasada lexislatura xa deixamos patente quen defendeu Vigo de verdade, nos feitos, demandando investimentos por importe de 167 millóns de euros para a maior cidade de Galiza, e quen traizoaba unha e outra vez a esta cidade e ao conxunto do noso País votando en contra das iniciativas do BNG”, explicou, en alusión a todas as forzas estatais.
Igrexas valorizou os importantes compromisos logrados polo BNG no acordo de investidura tamén en favor da cidade. Un acordo que, segundo precisou, “non é teito de nada, senón un sólido solo para seguir avanzando na mellora da atención das necesidades de Galiza e da súa maior cidade, fronte ao abandono dos sucesivos gobernos estatais”. Neste sentido, salientou o capítulo destinado á mellora da conexión ferroviaria de Vigo no que “pasamos das reiteradas evasivas do Goberno español a recoller compromisos concretos e temporalizados”.
“As viguesas e vigueses poden ter absoluta certeza de que Néstor Rego, no Congreso, e Carme da Silva, no Senado, van ser a garantía de que os intereses de Vigo se fagan valer en Madrid, fronte a submisión de Abel Caballero ao ditado dos seus xefes na Moncloa e en Ferraz”, enfatizou.