O BNG de Vigo pide que o Goberno municipal actúe ante o abandono da praza da Independencia
A fronte nacionalista recolle as denuncias veciñais que alertan de falla de mantemento e de limpeza polo desleixo do goberno de Abel Caballero.
Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir asistindo a como se degradan diferentes ámbitos da cidade porque alí non se quere poñer o foco propagandístico”.
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo pide que o Goberno municipal actúe ante o abandono da praza da Independencia. A fronte nacionalista recolle as denuncias e queixas da veciñanza da zona, que alertan sobre a falla de mantemento e de limpeza polo desleixo do goberno de Abel Caballero.
“Son evidentes os desperfectos, con empedrado levantado, zonas axardinadas abandonadas, falta de limpeza e un elemento tamén moi preocupante como a crecente presenza de vehículos estacionados neste grande espazo peonil”, explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. Entre os estragos, a veciñanza destaca o estado de deterioro que presenta o monumento aos heroes da Reconquista, situado no corazón da praza.
“Unha praza que foi emblema no seu momento dese ambicioso e audaz proxecto de humanización real da cidade e de democratización do espazo público, impulsado polo BNG, e que supuxo a súa peonalización como tamén no caso do Calvario”, recordou Igrexas, que lamentou que estes e outros espazos importantes para a veciñanza de Vigo continúen padecendo a falla de xestión do Goberno local.
“A política non se pode reducir a primeiras pedras e grandes inauguracións”, criticou o edil nacionalista. “Non podemos seguir asistindo a como se degradan diferentes ámbitos da cidade porque alí non se quere poñer o foco propagandístico”, remachou.