O BNG critica que os remanentes de Vigo acaben só en inauguracións a pesar das súas propostas
A fronte nacionalista formulou emendas á modificación orzamentaria, obxecto de debate este mércores no Pleno, para destinar máis recursos a políticas de emprego e vivenda, apoiar o comercio local, crear novas escolas infantís e bibliotecas, recuperar os programas de dinamización xuvenil e enfrontar a pobreza enerxética e a soidade.
Xabier P. Igrexas: “Os remanentes son resultado da continuada inexecución orzamentaria do goberno de Abel Caballero e non dunha xestión eficiente das contas da cidade”.
O Bloque Nacionalista Galego lamenta que os remanentes de Vigo acaben destinados só a inauguracións e critica que o Goberno municipal rexeitara as súas propostas en positivo. A fronte nacionalista formulou emendas á modificación orzamentaria, que foi obxecto de debate este mércores no Pleno municipal, para pedir un incremento dos recursos en políticas de emprego e vivenda, apoiar o comercio local, crear novas escolas infantís e bibliotecas, recuperar os programas de dinamización xuvenil e enfrontar a pobreza enerxética e a soidade.
“Solicitamos incorporar 25 millóns de euros adicionais á proposta do Goberno local cun obxectivo claro: que a mobilización de remanentes permita unha mellor atención das necesidades reais das viguesas e vigueses”, asegurou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, durante a sesión plenaria.
O edil nacionalista afeou tamén a defensa do goberno de Abel Caballero, que puxo como exemplo da súa xestión ter iniciado o ano 2022 con 135 millóns de euros de remanente líquido. “Son resultado da continuada inexecución orzamentaria do seu goberno e non dunha xestión eficiente das contas da cidade”, subliñou.
Igrexas reiterou que a proposta do Goberno municipal destina os aforros “case exclusivamente a gasto inaugurábel” e denunciou que se anuncien un número importantes de actuacións que “saben que non van quen de executar dentro do actual exercicio fiscal”.
O concelleiro nacionalista detallou no Pleno algunhas das propostas do BNG que foron rexeitadas polo Goberno local. Entre elas, o incremento das partidas para políticas municipais de emprego, tendo en conta que a cidade perdeu 4.400 postos de traballo no último ano, segundos os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA); un maior investimento nos barrios e parroquias “que non só precisan de cemento”; un bono para apoiar o comercio local de Vigo, o único concello que non dedicou un só euro de axuda directo ao sector; tres novas escolas infantís e bibliotecas; máis política social, atendendo o problema da soidade, a pobreza enerxética e o acceso social á vivenda e recuperar os programas de dinamización xuvenil.