O BNG de Vigo acusa a Caballero de consentir graves incumprimentos na limpeza das dependencias municipais
A fronte nacionalista sinala que a empresa concesionaria, Urbaser, está a prestar menos horas de servizo das fixadas no prego, non substitúe as baixas e cesamentos e impón traslados sen xustificación.
Denuncia o bloqueo da empresa na negociación do novo convenio e a súa negativa a actualizar os salarios do persoal de acordo coa evolución do IPC.
Xabier P. Igrexas: “Estes incumprimentos son sobradamente coñecidos por parte do goberno de Abel Caballero, que se nega a recibir ao persoal deste servizo municipal”.
O Bloque Nacionalista Galego volveu acusar ao Goberno municipal de Vigo de consentir graves incumprimentos no servizo de limpeza das dependencias municipais. A fronte nacionalista denuncia que a empresa concesionaria, Urbaser, está a prestar até 300 horas menos das fixadas no prego, o 15% das horas totais contratadas, que equivalen a 9 postos de traballo. Aliás, rexeitan a ameaza da empresa ao persoal do servizo municipal de empobrecer os salarios, negándose a actualizar as retribucións de acordo coa evolución do IPC no novo convenio.
“Urbaser non está a prestar o servizo para o que foi contratada e polo que vai percibir 7 millóns de euros de diñeiro público do Concello, polo que pedimos que se cotexen os rexistros horarios”, reclamou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, tras manter este mércores unha xuntanza con representantes do Comité de Empresa. Uns incumprimentos que xa foron denunciados en xuño de 2021 por parte das nacionalistas e que motivaron a solicitude de apertura dun expediente sancionador contra a concesionaria.
“A resposta por parte do goberno de Abel Caballero segue sendo a mesma: consentir os incumprimentos mais tamén negarse a escoitar ao persoal deste servizo municipal”, criticou Igrexas.
“É inaceptábel a negativa reiterada do concelleiro Javier Pardo a recibir o Comité de Empresa, pero desde logo é indecente por parte dun dirixente político que di facer parte dunha forza política progresista e de esquerdas”, engadiu.
Bloqueo da negociación colectiva
A esta situación vén a sumarse “o brutal bloqueo” de Urbaser do proceso de negociación do novo convenio colectivo, subliñan desde a fronte nacionalista. “A empresa xa lle ten advertido á representación sindical a súa negativa a revisar os salarios de acordo coa evolución do IPC, o que suporá na práctica empobrecer aínda máis os salarios deste colectivo laboral que, precisamente este 9 de marzo, queremos remarcar é fundamentalmente feminino, nun servizo municipal financiado con diñeiro municipal”, afeou o edil do BNG.
“Esa posición de enroque da empresa fará que as e os traballadores do servizo teñan peores condicións que, por exemplo, o persoal que traballa na limpeza de colexios públicos, tamén dependentes do Concello”, valorou Igrexas, que acusou ademais á concesionaria de vulnerar algúns aspectos do actual convenio e do prego, como o traslado de persoal sen xustificación a diferentes centros de traballo e a negativa a cubrir as baixas laborais e os cesamentos.
“Desde o BNG trasladamos ao Comité de Empresa o noso compromiso para seguir esixindo que o Concello actúe para garantir o estrito cumprimento do prego e pedir que se poña a carón das traballadoras e traballadores deste servizo diante da pretensión de Urbaser de precarizar aínda máis as súas condicións de traballo”, remachou o concelleiro nacionalista.