O BNG pide poñer en valor a resposta popular e obreira de Vigo no 50 aniversario do Día da Clase Obreira Galega
A fronte nacionalista proporá unha declaración institucional para que o Pleno municipal recoñeza a importancia das masivas mostras de solidariedade que se viviron en Vigo tras os acontecementos en Ferrol o 10 de marzo de 1972.
Xabier P. Igrexas: “Cómpre valorizar e reivindicar este legado histórico, un exemplo da combatividade e da forza reivindicativa que latexa no corazón da nosa cidade”.
O Bloque Nacionalista Galego pide poñer en valor a resposta popular e a solidariedade obreira que se viviu en Vigo tras os acontecementos en Ferrol o 10 de marzo de 1972, que deron lugar a que hoxe conmemoremos o 50 aniversario do Día da Clase Obreira Galega. A fronte nacionalista anunciou que proporá unha declaración institucional para que o Pleno municipal recoñeza a relevancia histórica das mostras de solidariedade que se sucederon na cidade, con paros nas principais empresas e factorías e cunha masiva manifestación na Porta do Sol.
“Constitúe un fito da máxima importancia na historia do movemento obreiro en Galiza e provocou ademais unha enxurrada de solidariedade obreira e popular que tivo na cidade de Vigo un dos seus principais expoñentes”, expresou o concelleiro do BNG na cidade, Xabier P. Igrexas.
“Cómpre valorizar este legado histórico, un exemplo da combatividade e da forza reivindicativa que latexa no corazón da nosa cidade”.
Igrexas lembrou que estes sucesos foron “a isca que remataría por prender” as folgas laborais en Vigo en maio e setembro de 1972, que chamou tamén a conmemorar neste 50 aniversario. O edil nacionalista considera que “é o momento de reivindicar —precisamente neste contexto de dificultades — a loita obreira e organizada como camiño para seguirmos avanzando na mellora das condicións materiais de vida e de traballo da maioría social que representamos as clases populares e traballadoras”.
O 10 de marzo de 1972, unha masiva folga laboral en Ferrolterra foi contestada polo réxime franquista cunha brutal represión que tivo como máximo expoñente o asasinato a mans da policía de dous traballadores, Amador Rei e Daniel Niebla. O movemento obreiro respondeu en Vigo con paros en empresas como Citroen, Barreras, Vulcano ou Álvarez, que desembocarían nunha enorme manifestación de solidariedade que ateigou a Porta do Sol o 15 de marzo do mesmo ano.