O BNG de Vigo acusa a Caballero de mentir sobre os bombeiros e advirte de que son insuficientes para garantir a seguridade
O portavoz municipal da fronte nacionalista reclama reforzos inmediatos no cadro de persoal, que non permite asegurar o mínimo de efectivos diarios, tras manter un encontro con representantes da CIG
Cualifica de “irresponsabilidade” a paralización das Ofertas Públicas de Emprego dos últimos tres anos, que prevén incorporar 38 novos postos no servizo
Xabier P. Igrexas: “O Goberno municipal ten que actuar xa ante o grave risco desta situación, en lugar dese discurso inaceptábel do alcalde culpando os bombeiros”
O Bloque Nacionalista Galego acusa ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, de mentir sobre o servizo de bombeiros cando asegura que conta co número suficiente de efectivos. Así o denunciou este martes o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, tras manter un encontro con representantes da CIG no que constatou a situación de “inseguridade” na cidade provocada pola falla de persoal no corpo.
“Abel Caballero mente deliberadamente cando afirma sen rubor que os problemas que se producen neste servizo esencial teñen a ver con cuestións organizativas dos propios bombeiros”, afeou Igrexas, que asegurou que contan con 128 dos 151 efectivos adscritos ao corpo, dos cales só están en activo na actualidade un total de 94.
Un déficit de persoal que, advertiu o portavoz nacionalista, non permite garantir o mínimo de 20 efectivos diarios (para os que sería preciso contar cun cadro de persoal de como mínimo 140) fixados polo propio Goberno municipal para asegurar a operatividade do servizo.
Igrexas alertou de que este déficit supón un “grave risco” ao comprometer a capacidade e os tempos de resposta dos bombeiros, poñendo en risco tanto a seguridade dos propios traballadores e traballadoras como da veciñanza de Vigo
O voceiro do BNG puxo como exemplo o acontecido nos pasados días, que derivou no peche provisional do parque de bombeiros de Coruxo. “A falla de efectivos está obrigando a que nalgunhas xornadas os 110 quilómetros cadrados do termo municipal de Vigo sexan atendidos só polo parque de Teis”, criticou, lembrando que o propio persoal leva anos denunciando esta situación sen que se atendan as súas demandas.
Nese sentido, Igrexas culpou ao Goberno municipal por non dotar de efectivos suficientes o servizo durante os últimos 12 anos. En particular, cualificou de “irresponsabilidade” a paralización das Ofertas Públicas de Emprego dos últimos tres anos, que prevén incorporar 38 novos postos no corpo.
Fronte a esta situación, o portavoz da fronte nacionalista reiterou a demanda de que se adopten medidas de carácter “inmediato” para garantir tanto a operatividade do servizo como a seguridade das case 300 mil persoas que residen na cidade. “O Goberno municipal ten que actuar xa diante deste grave risco, en lugar dese discurso inaceptábel do alcalde culpando os bombeiros”, reclamou. “Que se deixe de selfies e comece a gobernar”, remachou.
Xornadas con tan só 12 efectivos
Por parte da representación sindical da CIG, o bombeiro Manoel Lopes Rodrigues denunciou que esta falla de persoal é “crónica” no corpo, advertindo de que nunca se cumpre ese mínimo de 20 efectivos fixado polo Goberno local. Lopes asegurou que “normalmente” contan con 18 ou 19 efectivos por xornada, chegando nalgúns casos a ser apenas 12.
“É absolutamente surrealista que o alcalde de Vigo diga que temos a seguridade desta cidade garantida”, lamentou Lopes, que considerou “inexplicábel” que siga paralizado o proceso de oposicións ao corpo cando as bases están no departamento de recursos humanos dende hai tempo. “Facemos un pedido para que o Concello de Vigo resolva este problema, que quizais non sexa glamuroso como outros proxectos, pero a seguridade das mulleres e homes que viven nesta cidade é moi importante”, asegurou.
O representante sindical alertou de que esta situación está “claramente” aumentando os tempos de resposta. “Pode darse a circunstancia de que estean todas as dotacións no parque de Teis porque o parque de Coruxo está pechado, como xa ocorreu, e se temos que ir, por exemplo, excarcerar unha persoa noutro extremo da cidade os tempos de resposta son críticos”.