O BNG de Vigo denuncia que o Goberno de Caballero incumpre a lei negándose a constituír a obrigatoria Comisión de Vixilancia da Contratación
A fronte nacionalista acusa ao grupo socialista de impoñer sen diálogo coas forzas oposición unha organización do Concello que non garante un reparto proporcional e xusto
Lamenta o rexeitamento dos catro votos particulares formulados no Pleno de Organización para “democratizar” a proposta do Goberno municipal e reprocha o intento do alcalde de limitar o tempo de intervención do portavoz nacionalista
Xabier P. Igrexas: “O Concello non é do grupo de Goberno, a oposición xogamos un papel fundamental e con este reparto pretenden restrinxilo”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Goberno de Abel Caballero incumpre a lei negándose a constituír a Comisión de Vixilancia da Contratación, obrigatoria en base ao Regulamento Orgánico do Pleno e á normativa estatal. Así quedou en evidencia este luns no Pleno de Organización do Concello de Vigo, no que o grupo socialista rexeitou os catro votos particulares formulados pola fronte nacionalista para “democratizar” a proposta do Goberno municipal, que impuxo sen diálogo coas forzas oposición un funcionamento que non garante un reparto “proporcional e xusto”.
“Que é o que quere esconder Abel Caballero? Que é o do que non quere que nos enteremos a oposición?”, interpelou na sesión o portavoz do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, sobre a negativa a constituír esa Comisión de Vixilancia da Contratación. O voceiro nacionalista advertiu de que esa decisión supón vulnerar novamente a lexislación, como ocorreu no mandato anterior, restrinxindo a capacidade da oposición para fiscalizar as contratacións. “Se cadra teñen algo que meter debaixo da alfombra”, alertou.
Igrexas afeou que dende o inicio da sesión plenaria o grupo socialista quixera convertela nun “paseo militar” para evitar o debate
“Terá o alcalde algún tipo de selfie en axenda para que non queira que este Pleno se desenvolva coa mesma normalidade que noutras ocasións”, ironizou Igrexas. Nese sentido, criticou que o alcalde tentara limitar o tempo de intervención do portavoz nacionalista a dous minutos que, tras a protesta e ser corrixido polo Secretario municipal, se mantivo nos cinco minutos que estabelece o regulamento.
Dende o BNG lamentaron tamén que o grupo socialista deixara fóra da orde do día do Pleno de Organización, que se convocou sen ter celebrado a preceptiva Xunta de Voceiros, algunhas cuestións da “maior relevancia” para a cidade, como a designación de membros para diferentes órganos como a Xerencia Municipal de Urbanismo, o Ifevi, a Zona Franca ou os padroados dos museos Marco e Quiñones de León, entre outros. Unha omisión que motivou un escrito da fronte nacionalista reclamando a súa incorporación nos asuntos a aprobar ao que Abel Caballero limitouse a contestar cun “tomamos nota”.
“Rodete antidemocrático”
Igrexas asegurou que este Pleno constatou como o Goberno de Abel Caballero impón o “rodete antidemocrático” na organización do Concello, tal e que advertira o propio BNG nos pasados días. “O grupo de Goberno non tivo a máis mínima intención de dialogar para garantir uns mínimos democráticos no funcionamento do Concello, que respecten a pluralidade das viguesas e dos vigueses expresada nas urnas 28 de maio”, cuestionou. Nesa liña, lembrou que “o Concello non é do grupo de Goberno” e asegurou que o papel fundamental que xoga a oposición queda restrinxido con este reparto. Así, mentres o grupo socialista disporá de 5 mocións por Pleno, o conxunto da oposición tan só poderá formular 2.
"Máis do mesmo"
O portavoz nacionalista cualificou a nova estrutura do Goberno municipal como “continuísta” e “máis do mesmo”, onde as únicas novidades se limitan á creación dunhas áreas de coordinación que, a xuízo das nacionalistas, tan só serven para crear unha “estrutura de castas” con concelleiros de primeira e segunda. “Non tomaron nota dos 20 mil votos perdidos nas últimas eleccións”, cuestionou Igrexas, que demandou a Abel Caballero que faga efectiva a delegación de competencias nos seus edís. “Unha cidade de 300 mil habitantes non pode seguir gobernada por un único concelleiro na figura do alcalde”. Sobre o cambio de data das sesións do Pleno, criticou que se decida por “capricho” do grupo socialista para permitir que compatibilicen a súa asistencia coa de outras cámaras lexislativas.
Monopolizar os recursos
O portavoz nacionalista criticou ademais que o PSOE “monopolice” 12 das 13,5 dedicacións retribuídas da Corporación, deixando ao BNG con tan só unha dedicación parcial, así como un reparto que non é proporcional dos recursos para os grupos municipais. Por este motivo, reiterou a demanda para que se faciliten recursos e medios efectivos para desempeñar o papel da oposición. “Non se trata de ningún privilexio”, afirmou, lembrando que o Goberno decidiu aumentar de 14 a 20 prazas o persoal eventual, deixando ao BNG só cun auxiliar o que “non resiste a máis mínima análise en termos de proporcionalidade”.