O BNG de Vigo acusa a Caballero de ser “colaborador necesario” na vulneración de dereitos do persoal de Vitrasa

vitrasa

A fronte nacionalista trasladoulle ao Comité de Empresa dos buses urbanos o seu “total e absoluto” apoio ás súas reivindicacións polas que veñen de iniciar paros parciais con carácter indefinido.

Xabier P. Igrexas: “Podemos dicir con absoluta contundencia que estes servizos mínimos abusivos foron ditados pola empresa. O único que fixo o Goberno municipal foi estamparlles o membrete do Concello”

O BNG de Vigo acusa a Caballero de ser “colaborador necesario” na vulneración de dereitos do persoal de Vitrasa

O Bloque Nacionalista Galego mantivo esta mañá un encontro con representantes do Comité de Empresa de Vitrasa, a empresa concesionaria do servizo de bus urbano da cidade de Vigo. A fronte nacionalista trasladoulle o seu “total e absoluto” apoio no marco do conflito laboral aberto, e polo que esta semana veñen de iniciar paros parciais con carácter indefinido. Denuncian a complicidade do Goberno municipal coa empresa e acusan o alcalde, Abel Caballero, de ser “colaborador necesario” da vulneración de dereitos fundamentais do persoal da empresa coa imposición duns servizos mínimos abusivos e “ditados” pola dirección de Vitrasa.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, compareceu publicamente esta mañá após manter un encontro con representantes do Comité de Empresa de Vitrasa. Igrexas defendeu como “xustas e totalmente xustificadas” as reivindicacións do persoal da empresa concesionaria do servizo de bus urbano na cidade. Neste sentido, sinalou que as súas principais reivindicación teñen a ver co incumprimento dos descansos durante a xornada laboral e a duración “maratoniana” da mesma. “As paradas de dous ou tres minutos antes de reiniciar a marcha non se poden considerar tempo de descanso efectivo”, advertiu.

Igrexas lembrou tamén que a modificación de horarios, imposta pola empresa e consentida polo Concello, que supuxeron a retirada dos horarios fixos de paso dos buses nas diferentes paradas e a supresión de frecuencias, segue sen evitar que o persoal condutor continúe a traballar sen poder realizar os descansos aos que ten dereito legalmente. A este respeito, alertou de que esta situación pon en risco a propia seguridade dos buses, xa que, “falamos de persoal que conduce tres ou catro horas sen poder parar, con buses cheos de xente, algunha dela de pé, co risco que supón en termos de condución e da propia seguridade vial”. Desde o BNG apuntan tamén que esta “presión laboral” ten motivado que unha parte importante do persoal de Vitrasa estea de baixa médica porque “non aguantan máis”.

Outra das reivindicacións dos e das traballadoras de Vitrasa refírese tamén á redución da xornada, que arestora supera as 10h diarias. “Cómpre lembrar que no Estado español hai 102 anos, desde 1919, que está vixente a xornada laboral de 8 horas”, ironizou Igrexas.

Desde o Bloque recolleron tamén a denuncia sindical de que a dirección de Vitrasa está a bloquear a negociación do novo convenio colectivo, que fica caducado desde decembro do ano pasado, recordando que o Grupo Avanza, do que fai parte a antiga Vitrasa, recolle todos os anos importantes beneficios e recibe do Concello de Vigo “decenas de millóns de diñeiro público”.

Goberno local cómplice

O portavoz municipal nacionalista criticou con dureza a actuación do Goberno local diante da situación que se vive nun servizo que é de titularidade municipal, acusando o executivo de Caballero de ser “cómplice da empresa en contra dos traballadores e traballadoras e de costas aos intereses da veciñanza”.

No concreto, rexeitaron a imposición duns servizos mínimos “abusivos e que só procuran intentar sabotar o desenvolvemento dos paros parciais convocados”, sendo máis elevados que os fixados durante a folga decorrida no mes de agosto a pesar dos buses admitir maior aforo e impedindo “de maneira absolutamente ilegal” que o persoal poida secundalos cando está en ruta. “Podemos dicir con absoluta contundencia que estes servizos mínimos abusivos foron ditados pola empresa. O único que fixo o Goberno municipal foi estamparlles o membrete do Concello”, afirmou o edil nacionalista.

“É claro que Abel Caballero volve demostrarse como un colaborador necesario na vulneración de dereitos fundamentais, como o de folga, do persoal que traballa para servizos que son de titularidade municipal”, clamou, esixindo un cambio de posición do executivo local para que esixa, con firmeza, o estrito cumprimento do prego concesional e do convenio colectivo.

O BNG de Vigo acusa a Caballero de ser “colaborador necesario” na vulneración de dereitos do persoal de Vitrasa