O BNG de Vigo demanda medidas urxentes para evitar o colapso sanitario da área

rop02

A fronte nacionalista defenderá no Pleno do Concello de Vigo unha moción na que esixen unha “rectificación completa” da política sanitaria aplicada polo PP e que converteu Vigo na “zona cero da desfeita sanitaria”.

Demandarán o apoio institucional do Concello á manifestación convocada para este xoves 30 pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria.

Xabier P. Igrexas: “É hora de esixir tamén nas rúas que a Xunta do Partido Popular deixe de xogar coa nosa saúde e coas nosas vidas, poñendo fin ás políticas de recortes e privatización”.

O BNG de Vigo demanda medidas urxentes para evitar o colapso sanitario da área

O Bloque Nacionalista Galego demanda medidas urxentes para evitar o colapso sanitario da área sanitaria de Vigo. Así o defenderán nunha moción que se someterá a debate no Pleno do Concello de Vigo que se celebrará este mércores, 29 de setembro.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou como as políticas de recortes e privatización aplicadas na última década pola Xunta do Partido Popular converteron a área viguesa na “zona cero” da desfeita sanitaria. Unha realidade que exemplificou na imposición dun modelo privatizado no novo hospital Álvaro Cunqueiro, o recorte das prestacións no Hospital do Meixoeiro, a redución á metade do proxecto de novo centro de saúde de Bouzas, unha grave e estrutural falla de medios humanos no conxunto da Atención Primaria, así como os efectos dun concerto especial con Povisa que impón unha sanidade desigual e precaria para unha parte importante da poboación da área de Vigo.

Esta situación veuse agravada polos efectos derivados da pandemia de coronavirus que, segundo o edil nacionalista, “fixeron saltar as costuras dunha rede sanitaria enfraquecida até o extremo, agravando inda máis se cabe, as súas insuficiencias, cun gravísimo impacto tanto na poboación, que padece a desatención e unha merma da calidade asistencial, como dos e das profesionais sanitarias, que son obxecto dunhas condicións laborais insoportábeis e unha crecente precariedade”.

Igrexas alertou do “risco máis que real de colapso da Atención Primaria” na que os centros de saúde da área de Vigo contan con apenas o 50% do seu persoal médico, rexistrándose demoras dunha media de quince días para unha cita, e co conxunto do persoal sanitario, técnico e administrativo dos centros de saúde, ao límite da súas forzas.

Desde o BNG denuncian, ademais, que a non substitución de persoal por vacacións e mesmo por situacións de incapacidade temporal, é xestionada polo Sergas derivando a atención ao resto do persoal do mesmo centro ou trasladando pacientes duns centros de saúde a outros, nun proceso que se traduce nunha sobrecarga permanente, que se agravou durante o verán pola falla de reforzos.

“O enorme traballo realizado polo persoal sanitario e o seu compromiso a favor da saúde das persoas está a ser recompensando polo Sergas cun continuado maltrato e desatención, que está a conducir a Atención Primaria, que é espiña dorsal da rede sanitaria, a un punto límite”, advirte o portavoz municipal nacionalista.

Para paliar este “desastre inducido” que padece á área sanitaria de Vigo, desde o Bloque demandan na súa moción un plan de choque para o reforzamento da Atención Primaria (dotado con 200 millóns de euros); reforzar a contratación de persoal en todas as categorías e cubrir as substitucións; incorporar profesionais da psicoloxía clínica, logopedia e terapia ocupacional en Atención Primaria así como alargar a carteira de servizos de enfermería e fisioterapia; incrementar de maneira sostida o orzamento sanitario a nivel galego no obxectivo de atinxir o 25% do orzamento total da Xunta de Galiza; Normalizar a atención presencial en todos os centros de saúde garantindo os medios humanos, materiais e organizativos necesarios; rescatar a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro para o converter nun hospital de xestión cento por cento pública e promover a absorción na rede sanitaria pública do centro médico Povisa; dotar de máis medios o Punto de Atención Continuada (PAC) de Pizarro e a creación na cidade de outros dous novos PAC, en Teis e a contorna de Coia-Navia, incluíndo persoal especializado para a atención de urxencias pediátricas; recuperar a dotación asistencia prevista no proxecto inicial de centro de saúde de Bouzas, con 6 consultas de medicina de familia, pediatra e traballadora social; e promover a construción de novos centros de saúde na cidade para desconxestionar a rede asistencial de Atención Primaria.

Outra das cuestións recollidas na moción nacionalista é a “gravísima situación” que se vive no servizo de ambulancias do 061. Neste sentido, Igrexas esixiu que se “investigue até o final e se depuren responsabilidades” polo falecemento dun doente mentres era trasladado, o pasado 16 de setembro, nunha ambulancia mobilizada polo 061 que non contaba con asistencia sanitaria. Desde o Bloque reiteran que é urxente reforzar con “medios propio” a dotación absolutamente insuficiente do 061 en Vigo, que conta con 6 ambulancias de soporte vital básico en horario diurno, tres en horario nocturno e dúas de soporte vital avanzado, e demandan que se deixen de facer “reforzos puntuais con empresas que non garanten os medios nin o persoal para prestar asistencia sanitaria en ruta”.

Apoio á mobilización do día 30

A moción do BNG tamén propón que o Pleno acorde “o apoio institucional do Concello de Vigo á manifestación convocada na cidade pola Xunta de Persoal do Área Sanitaria de Vigo para o xoves 30 de setembro chamando expresamente á cidadanía viguesa a participar da mesma”.

“É hora de esixir tamén nas rúas que a Xunta do Partido Popular deixe de xogar coa nosa saúde e coas nosas vidas, poñendo fin ás políticas de recortes e privatización”, afirmou Igrexas.

O BNG de Vigo demanda medidas urxentes para evitar o colapso sanitario da área