O BNG de Vigo pide adiantar a marzo a convocatoria das axudas para libros e comedor escolar

Xabier P Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista demanda que a tramitación destas bolsas coincida co prazo de matriculación para evitar os “prexuízos” de anos anteriores pola demora do Goberno local

Xabier P. Igrexas: “Non hai escusas para que se volva repetir a situación delirante vivida nos últimos cursos, nos que as axudas acabaron resolvéndose entre decembro e xaneiro”

O BNG de Vigo pide adiantar a marzo a convocatoria das axudas para libros e comedor escolar

O Bloque Nacionalista Galego pide adiantar ao vindeiro mes de marzo a convocatoria das axudas municipais para libros de texto e comedor escolar. A fronte nacionalista demanda que a tramitación destas bolsas coincida co prazo de matriculación nos centros educativos para evitar os “prexuízos” de anos anteriores provocados pola demora do Goberno local.

Así o defendeu este xoves o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, quen avanzou que van trasladar esta petición nas vindeiras Comisións Informativas do Pleno para garantir que no inicio do vindeiro curso escolar todas as familias coñezan se van recibir ou non esta axuda “esencial” para arredor de 4 mil fogares de Vigo.

“Non hai escusas para que se volva repetir a situación delirante vivida nos últimos cursos, nos que as axudas acabaron resolvéndose entre decembro e xaneiro”, afirmou Igrexas, acusando ao Goberno local de provocar unha “innecesaria angustia” nas familias, mesmo con alumnado que non acudía ao comedor, malia necesitalo, por causa desta incerteza.

O portavoz municipal do BNG denunciou tamén os “importantes prexuízos pola falla de xestión do Goberno de Caballero” para as propias Asociacións de Nais e Pais de Alumnado (ANPAs) que tiveron que afrontar, nalgúns casos, o anticipo económico destas bolsas con seus propios recursos.

Por estes motivos, dende a fronte nacionalista insistiron na necesidade de axilizar tanto a convocatoria como a tramitación e a resolución destas axudas para libros de texto e comedor escolar, atendendo deste xeito unha “longa reivindicación” da comunidade educativa da cidade.

“Unha administración como o Concello de Vigo, que conta cun orzamento ordinario de máis de 300 millóns de euros, ten os medios e capacidades necesarias para acompasar a convocatoria destas axudas ao propio proceso de matriculación, como recomenda o propio sentido común”, remachou Igrexas.

O BNG de Vigo pide adiantar a marzo a convocatoria das axudas para libros e comedor escolar